Bible App logo
Search Icon

Proverbios 22

22
1Máis vale a boa sona cá moita facenda;
e o ser apreciado, cá prata e o ouro.
2Rico e pobre véñense encontrar:
a ámbolos dous fíxoos o Señor.
3O asisado ve o perigo e apártase;
os docas tiran para diante, e páganas.
4Tralas pegadas da humildade e do temor do Señor.
veñen a facenda, a honra e a vida.
5Silvas e trapelas inzan o camiño do perverso,
quen mira pola súa vida apártase delas.
6Afai ó mozo ó seu vieiro:
aínda de vello non se apartará del.
7O rico goberna nos pobres,
e quen debe é escravo do que lle emprestou.
8Quen sementa maldade recolle aflición,
e vai dar nel mesmo a vara do seu exceso.
9Os bos e xenerosos serán benditos,
xa que lles deron o seu pan ós pobres.
10Bota fóra ó cínico; rematará a liorta
e cesarán a rifa e mais a aldraxe.
11O Señor ama a quen ten a mente limpa,
e o de falar xeitoso ten por amigo ó rei.
12Os ollos do Señor protexen o saber,
mais confunden as verbas dos traidores.
13Pretexta o preguiceiro: —"Vai un león na rúa,
e pódeme matar na encrucillada".
14As verbas das estranxeiras son cova profunda,
o que o Señor refuga vai caer nela.
15Apégase a tolemia ó corazón do mozo,
mais a vara da corrección é tal de a despegar.
16Quen asoballa ó pobre, estao engrandecendo;
quen fai regalo ó rico, estase a empobrecer.
DITOS DE SABIOS (22, 17-24, 22)
17Inclina o oído e escoita as miñas palabras,
aplica a túa mente ó meu saber,
18pois é axeitado que as gardes no teu seo,
e que as teñas prontas nos teus labios.
19Para que poñas a túa confianza no Señor,
tamén a ti vou eu instruír hoxe.
20Abofé téñoche escritos trinta ditos,
consellos e ciencia por xunto,
21para te informar da verdade das palabras axustadas,
e poidas así traer razóns exactas a quen te envíe.
22Non despoxes ó mendigo por ser tal
nin asoballes ó pobre das portas,
23pois o Señor defende a súa causa
e tiraralle a vida a quen malle neles.
24Non te xuntes con home enredante
nin camiñes co que se alporiza,
25non sexa que te afagas ás súas mañas
e vaias dar nunha trampa mortal.
26Non andes dando apertas de man
nin saíndo garante de débedas;
27se non tes recursos para as saldares:
por que expoñerte a que che incauten mesmo o leito?
28Non removas os lindeiros de sempre,
que puxeron os teus devanceiros.
29Viches a alguén mañoso no seu oficio?
—Poderá presentarse diante de reis,
non servirá a xentes ignoradas.

Currently Selected:

Proverbios 22: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in