Proverbios 21
21
1Coma as canles da auga, a mente do rei está na man do Señor,
el víraa para onde quere.
2Todo o proceder do home semella recto ós seus ollos
pero é o Señor quen sopesa os motivos.
3Facer o recto e o xusto,
prefíreo o Señor ós sacrificios.
4Ollar fachendoso e corazón finchado:
o facho dos impíos é o pecado.
5Os planos do dilixente dan boa renda,
pero quen anda ás présas anda ás perdas.
6Gañar tesouros con lingua embusteira
é sopro que foxe e trampa de morte.
7A violencia dos perversos arrástraos,
por se teren negado a practicar o xusto.
8O proceder do arteiro todo é reviravoltas,
mais é recto o facer do home cabal.
9Mellor é habitar nun recuncho do faiado,
ca con muller enredante en casa grande.
10O instinto do impío tende ó mal,
non repara con piedade no seu próximo.
11Cando o burlón as paga, aprende o inxenuo,
mais cando se instrúe a un sabio, el acrecenta seu saber.
12O xusto controla o casal do malvado,
e precipita ós impíos na ruína.
13Quen peche a orella ó laio do pobre,
tamén el berrará e non será escoitado.
14Regalo baixo corda desvía a ira;
e suborno no peto, a máis fera xenreira.
15É ledicia do xusto o facer a xustiza,
e unha desgraza para os malfeitores.
16Quen desvía do vieiro da prudencia,
rematará na compaña dos mortos
17Quen gusta da esmorga, rematará pobre;
e quen se afai ó viño e ó perfume, non enriquecerá.
18O malvado será o rescate do home de ben,
e o traidor, o do home recto.
19Mellor é morar nun ermo
ca ter muller fungona e enredante.
20Na morada dun sabio gárdanse tesouros desexables e requintados,
namentres que o parvo consúmeo todo.
21Quen procura xustiza e lealdade,
acada vida e mais honra.
22O sabio sabe como atacar un castelo de paladíns,
e derrubar a fortaleza na que afiuzaban.
23Quen controla boca e lingua,
garda a súa vida de estreituras.
24Leva alcume de petulante o fachendoso insolente,
que no actuar se pasa de presuntuoso.
25O degoiro do preguiceiro lévao á morte,
pois as súas mans refugan o traballo.
26Cobiza e máis cobiza todo o día!
Só o home de ben dá sen reserva.
27Sacrificios de impíos son de aborrecer,
e aínda máis cando os fan de mala lei.
28A falsa testemuña desaparece,
mais o que sabe escoitar fala para sempre.
29O perverso pon a forza nas aparencias,
o recto afianza a súa conduta.
30Non hai Sabedoría, nin discernir,
nin plano que valla diante do Señor.
31Aparéllase o cabalo para o día da loita,
mais a vitoria é cousa do Señor.
Currently Selected:
Proverbios 21: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT