Filipenses 3
3
ATAQUE DOS XUDAIZANTES
O ideal que propoñen fora o de Paulo
1Do resto, meus irmáns, estade alegres no Señor. Repetirvos o dito noutras ocasións a min non me custa e a vós dávos seguranza. 2Ollo ós cans! Ollo ós obreiros de moita parola e pouco traballo! Ollo á falsa circuncisión! 3Porque a circuncisión verdadeira, esa sómola nós, que, impulsados polo Espírito, damos culto a Deus e poñemos a nosa gloria en Cristo Xesús, sen confiarmos en criterios externos. 4Anque, por confiar, eu tiña de que confiar, incluso en criterios externos. Se alguén coida que el ten de que confiar conforme eses criterios, eu teño máis: 5circuncisión ós oito días; do pobo de Israel; da tribo de Benxamín, nacido e criado hebreo; en canto á Lei, fariseo; 6en canto a celo, perseguidor da Igrexa; en canto á xustiza que manda a Lei, home sen tacha.
Pero renunciou a el
7Mais todo o que daquela era para min un proveito, estimeino, por causa de Cristo, unha perda. 8Máis aínda, todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ó lixo con tal de gañar a Cristo 9e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe coma resposta á fe.
10Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, 11para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos.
12Non é que eu xa chegase á meta nin que xa teña chegado á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús. 13Irmáns, eu non boto de conta que a teña alcanzado. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ó que está diante, 14bulo para pillar o premio ó que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.
15Todos os perfectos, polo tanto, pensamos así. E se nalgún punto pensades doutro xeito, Deus hávolo esclarecer. 16Fóra disto, a onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña.
Seguir o exemplo de Paulo
17Irmáns, seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. 18É que moitos dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. 19Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais. 20Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. 21El ha transformar o noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo.
Currently Selected:
Filipenses 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT