YouVersion Logo
Search Icon

Números 8

8
O candelabro
1Faloulle o Señor a Moisés: 2—"Dille a Aharón: Cando teñas montadas as lámpadas, as sete lámpadas deben alumar de cara á parte dianteira do candelabro". 3Fíxoo así Aharón, facendo montar as súas lámpadas pola parte dianteira do candelabro, como lle mandara o Señor a Moisés. 4Este era o traballo artístico do candelabro: todo de ouro batido a martelo, tanto o pé coma todos os seus brazos, todo de ouro batido a martelo: segundo a visión que o Señor mostrara a Moisés, así se fixo o candelabro.
Consagración dos levitas
5Díxolle o Señor a Moisés: 6—"Toma os levitas do medio dos fillos de Israel e purifícaos. 7Para os purificar, farás deste xeito: asperxeralos con auga de expiación; logo pasarán a navalla por todo o seu corpo, lavarán os seus vestidos: así quedarán purificados. 8Despois tomarán un xovenco coa súa ofrenda de flor de fariña, amasada con aceite, como oblación, e ti tomarás outro xovenco que ofrecerás coma expiación polo pecado. 9Farás que se aproximen os levitas diante da Tenda do Encontro, e alí congregarás a toda a comunidade dos fillos de Israel. 10Entón farás que se acerquen os levitas ante o Señor e os fillos de Israel imporán as súas mans sobre os levitas. 11Aharón ofrecerá os levitas diante do Señor, como ofrenda dos fillos de Israel, e así quedarán dedicados ó servizo do Señor. 12Logo os levitas imporán as súas mans sobre a cabeza dos xovencos; deles ofrecerás un en sacrificio polo pecado e outro en holocausto ó Señor, para faceres expiación polos levitas. 13Colocarás despois os levitas de pé diante de Aharón e de seus fillos, e farás o xesto de ofrecelos ó Señor. 14Separarás así os levitas de entre os fillos de Israel, e os levitas serán para min. 15Despois disto, os levitas entrarán ó servizo da Tenda do Encontro, e purificaralos: farás deles unha ofrenda, 16porque eles son unha verdadeira ofrenda, doada a min, entre todos os fillos de Israel, en lugar de todos os primoxénitos, os que abren o seo materno de entre os fillos de Israel. Eu escollinos para min. 17Porque meus son todos os primoxénitos dos fillos de Israel, tanto de homes como de animais; eu consagreinos para min, desde o día en que ferín a todos os primoxénitos na terra de Exipto. 18Escollín os levitas en lugar de todos os primoxénitos de Israel, 19e, tirándoos do medio do pobo, entreguéillelos a Aharón e a seus fillos, para que me sirvan polos fillos de Israel na Tenda do Encontro e para que ofrezan expiación polos fillos de Israel, de sorte que non veña ningunha praga entre os israelitas cando se aproximen ó santuario". 20Moisés e Aharón e toda a asemblea dos fillos de Israel fixeron, acerca dos levitas, canto lle ordenara o Señor a Moisés ó respecto: así fixeron acerca deles os fillos de Israel. 21Os levitas purificáronse e lavaron os seus vestidos. Aharón fixo o xesto de ofrecelos na presenza do Señor, e logo fixo expiación por eles, para os purificar. 22Despois disto os levitas entraron a facer o servizo na Tenda do Encontro, diante de Aharón e seus fillos. Tal como o Señor ordenara a Moisés acerca dos levitas, así fixeron con eles.
23O Señor díxolle a Moisés: 24—"Isto é o que incumbe ós levitas: desde a idade de vinte e cinco anos para arriba entrarán a prestar servizo na Tenda do Encontro; 25mais ó chegaren ós cincuenta anos, retiraranse das súas funcións e xa non servirán máis. 26Poderán axudar ós seus irmáns na Tenda do Encontro, facendo garda, pero servizo non o farán. Así has facer no referente ó servizo dos levitas.

Currently Selected:

Números 8: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 8