Números 7
7
As ofrendas dos xefes das tribos de Israel
1E aconteceu que o día en que Moisés acabou de construír o Tabernáculo e unxilo e mais consagralo con todos os seus utensilios, consagrou tamén o altar con todos os seus utensilios, 2os príncipes de Israel presentaron unha ofrenda, como cabezas das súas casas patriarcais, isto é, os que eran xefes cando fixeran o censo. 3Trouxeron como ofrenda ó Señor seis carros cubertos e doce bois, un carro por cada un dos xefes e un boi por cada un, e presentáronos diante do Tabernáculo. 4O Señor díxolle a Moisés: 5—"Recibe estas cousas, para que se dediquen ó servizo da Tenda do Encontro, e entrégallelas ós levitas, a cada un conforme o seu oficio". 6Recibiu Moisés os carros e os bois e déullelos ós levitas. 7Dous carros e catro bois déullelos ós fillos de Guerxón, conforme ó seu servizo. 8Os fillos de Merarí entregoulles catro carros e oito bois, tamén de acordo coas necesidades do seu oficio, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón. 9Os fillos de Quehat, non obstante, non lles deu nin carro nin bois, porque teñen ó seu cargo transportar nos ombros as cousas máis santas. 10Os xefes presentaron as súas ofrendas pola dedicación do altar, no día en que foi unxido: cada un presentou as súas ofrendas diante do altar. 11E díxolle o Señor a Moisés: —"Que os príncipes presenten a súa ofrenda para a dedicación do altar, un cada día".
12A orde de presentación foi esta: o primeiro día fixo a ofrenda Nahxón, fillo de Aminadab, pola tribo de Xudá. 13A súa ofrenda foi: unha fonte de prata, que pesaba cento trinta siclos e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 14unha cunca toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 15un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 16un chibo para o sacrificio de expiación; 17e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos e cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Nahxón, fillo de Aminadab.
18O segundo día fixo a ofrenda Natanael, fillo de Suar, príncipe de Isacar. 19Velaquí a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 20unha cunca toda de ouro de dez siclos, chea de incenso; 21un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 22un chibo para o sacrificio expiatorio polo pecado; 23e para o sacrificio de comuñón, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Tal foi a ofrenda de Natanael, fillo de Suar.
24O terceiro día ofrendou Eliab, fillo de Helón, príncipe dos fillos de Zebulón. 25A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 26unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 27un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto, 28un chibo para o sacrificio polo pecado; 29e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos, cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Eliab, fillo de Helón.
30O día cuarto presentou Elisur, fillo de Xedeur, príncipe dos fillos de Rubén, a súa ofrenda. 31A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 32unha cunca de ouro de dez siclos chea de incenso; 33un xovenco, un carneiro dun ano para o holocausto, 34un chibo para o sacrificio polo pecado; 35e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi toda a ofrenda de Elisur, fillo de Xedeur.
36O día quinto ofrendou Selumiel, fillo de Surixadai, príncipe dos fillos de Simeón. 37A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, conforme ó siclo do santuario, unha artesa de prata de setenta siclos de peso, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite para a oblación; 38unha cunca de ouro de lei de dez siclos, chea de incenso; 39un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 40un chibo para o sacrificio polo pecado; 41e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Xelumiel, fillo de Surixadai.
42O día sexto, Eliasaf, fillo de Deuel, príncipe dos fillos de Gad, fixo a súa ofrenda. 43A súa ofrenda foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso e unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 44unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 45un xovenco, un carneiro, un año dun ano para o holocausto; 46dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comuñón. 47Toda esta foi a ofrenda de Eliasaf, fillo de Deuel.
48O día sétimo, Elixamá, fillo de Amihud, príncipe dos fillos de Efraím, 49fixo a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada con aceite para a oblación; 50unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 51un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 52un chibo para o sacrificio polo pecado; 53dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano para o sacrificio de comuñón. Esta foi a ofrenda de Elixamá, fillo de Amihud.
54O día oitavo, o príncipe dos fillos de Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur, 55presentou a súa ofrenda, que foi: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 56unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 57un xovenco, un carneiro e un año dun ano, para o holocausto; 58un chibo para o sacrificio polo pecado; 59para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco años dun ano. Toda esta foi a ofrenda de Gamaliel, fillo de Pedahsur.
60O día noveno o príncipe dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón, 61fixo a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 62unha cunca de ouro de dez siclos chea de incenso; 63un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 64un chibo para o sacrificio polo pecado; 65e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Abidán, fillo de Guideón.
66O décimo día, o príncipe dos fillos de Dan, Ahiézer, fillo de Amixadai, 67presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada en aceite, para a oblación; 68unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 69un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 70un chibo para o sacrificio polo pecado; 71e para o sacrificio de comuñón, dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahiézer, fillo de Amixadai.
72O undécimo día, o príncipe dos fillos de Axer, Paguiel, fillo de Ocrán, 73presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata, de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme o siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña, amasada con aceite, para a oblación; 74unha cunca de ouro de dez siclos, chea de incenso; 75un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 76un chibo para o sacrificio polo pecado; 77para o sacrificio da comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Paguiel, fillo de Ocrán.
78O duodécimo día, o príncipe dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán, 79presentou a súa ofrenda: unha fonte de prata de cento trinta siclos de peso, unha artesa de prata de setenta siclos, conforme ó siclo do santuario, ámbalas dúas cheas de flor de fariña amasada en aceite para a oblación; 80unha cunca de ouro de dez siclos, cheo de incenso; 81un xovenco, un carneiro e un año dun ano para o holocausto; 82un chibo para o sacrificio polo pecado; 83e para o sacrificio de comuñón dous bois, cinco carneiros, cinco chibos gordos e cinco años dun ano. Esta foi a ofrenda de Ahirá, fillo de Enán.
84As ofrendas presentadas polos príncipes de Israel con motivo da dedicación do altar, cando foi consagrado, foron estas: fontes de prata, doce; artesas de prata, doce; cuncas de ouro, doce. 85Cada fonte de prata pesaba cento trinta siclos e cada artesa de prata setenta siclos: en total a prata das fontes e bacías foi de dous mil catrocentos siclos de prata, conforme o siclo do santuario. 86As doce cuncas de ouro cheas de incenso, todas elas de ouro de lei, en siclos do santuario sumaron un total de cento vinte siclos. 87A suma dos animais para o holocausto: doce xovencos, doce carneiros, doce años dun ano, coas súas oblacións correspondentes; e para o sacrificio polo pecado, doce chibos. 88O total dos animais para o sacrificio de comuñón foi de vinte e catro xovencos, sesenta carneiros, sesenta chibos gordos, e sesenta años dun ano. Todo isto con motivo da dedicación do altar despois da súa consagración.
89Cando Moisés entraba na Tenda do Encontro para falar con Deus, escoitaba a voz que lle falaba desde o propiciatorio, que estaba sobre a Arca do Testemuño, entre os dous querubíns: faláballe desde alí.
Currently Selected:
Números 7: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT