YouVersion Logo
Search Icon

Números 5

5
Leis hixiénicas e sociais
1Díxolle o Señor a Moisés: 2—"Manda ós fillos de Israel que boten fóra do campamento a todo leproso, a todo o que padece gonorrea e a todo o contaminado por un cadáver. 3Sexa home ou muller, botádeos fóra do campamento, para que non contaminen o lugar onde moro eu no medio deles". 4Os fillos de Israel fixérono así e botáronos fóra do campamento. Tal como llo mandara o Señor a Moisés, así o fixeron.
5Díxolle o Señor a Moisés: 6—"Dilles ós fillos de Israel: o home ou a muller que cometa unha inxustiza contra o seu próximo, ofendendo así ó Señor e volvéndose culpable, 7confesará o pecado cometido, e restituirá todo o dano causado co recargo dun quinto, e entregarallo a aquel a quen llo fixera. 8Se xa non houber un parente a quen restituír, o que se había de restituír ofrecerallo ó Señor, sendo para o sacerdote, e ademais ofrecerá o carneiro da expiación para conseguir a súa purificación. 9A ofrenda de toda clase de cousas que ofrezan os fillos de Israel ó sacerdote, pertenceralle a este. 10A ofrenda sagrada de cada home será del mesmo, mais a que un dá para o sacerdote, será deste".
11Faloulle o Señor a Moisés: 12—"Dilles ós fillos de Israel: Todo home a quen a súa muller se lle extravía e comete contra el infidelidade, 13e dorme con outro home, pero a infidelidade non chega ó coñecemento do marido, por cometela en segredo e non existir testemuña ningunha contra ela nin ser sorprendida no acto; 14se entón o espírito dos celos se apodera do home e este se cela da súa muller, sexa que ela cometese infidelidade, sexa que non a cometese, 15o home levará a súa muller ante o sacerdote e fará unha ofrenda por ela: un décimo de efah de fariña de cebada, sen lle botar aceite nin lle pór enriba o incenso, por tratarse dunha ofrenda de celos para descubrir unha falta. 16O sacerdote fará que se poña de pé diante do altar, na presenza do Señor. 17Tomará o sacerdote auga bendita nun vaso de barro cocido e agarrando po do chan do Tabernáculo, mesturarao coa auga. 18O sacerdote colocará de pé á muller diante do Señor, descubriralle a cabeza e porá nas súas mans a ofrenda recordatoria dos celos; mentres, el agarrará na súa man as augas amargas da maldición. 19O sacerdote esconxurará á muller dicíndolle: Se ningún home estraño durmiu contigo e se non cometiches ningunha infidelidade contra o teu home, que te vexas libre da maldición destas augas amargas. 20Mais se te apartaches do teu home e te manchaches dándote a outro home distinto do teu, deitándote con el 21(o sacerdote mandaralle facer o xuramento da maldición á muller, e diralle:) faga o Señor baixar contra ti a maldición, e fágate maldita no medio do teu pobo; que as túas pernas perdan as forzas e que inche o teu ventre; 22que estas augas amargas da maldición entren nas túas entrañas e che fagan inchar o ventre e enfraquecer as coxas. A muller responderá: Amén, amén.
23O sacerdote escribirá logo esta maldición nunha folla, que botará moída nas augas amargas. 24Despois faralle beber á muller estas augas amargas da maldición, que entrarán nela. 25E collerá o sacerdote da man da muller a ofrenda dos celos e axitaraa diante do Señor e ofreceraa sobre o altar.
26E collerá o sacerdote unha manchea de gran da ofrenda e queimaraa no altar; e despois daralle a beber as augas á muller. 27Despois que a muller as beba, se ela de verdade está manchada por cometer unha infidelidade contra o seu home, ó entraren nela as augas amargas da maldición, incharalle o ventre e enfraqueceranlle as coxas, e a muller será aldraxada por todo o seu pobo. 28Pero se a muller non ten culpa, senón que é inocente, non lle fará mal ningún, recobrará a honra e terá descendencia.
29Esta é a lei dos celos, pola que se rexerá a muller que, apartándose do seu home, comete algunha infidelidade; 30e tamén do home, en quen entra o espírito dos celos e entra en sospeita contra a súa muller. El faraa comparecer diante do Señor, para que o sacerdote a someta a toda esta lei. 31O marido quedará limpo de culpa, e a muller cargará con toda a súa iniquidade".

Currently Selected:

Números 5: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 5