Números 4
4
Funcións dos levitas
1Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 2—"Fai o censo dos descendentes de Quehat, entre os fillos de Leví, por familias, segundo as súas casas patriarcais; 3desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, todos cantos poidan ir á guerra, e que se encarguen do servizo litúrxico na Tenda do Encontro.
4Estes serán os servizos dos fillos de Quehat na Tenda do Encontro: as tarefas máis sagradas. 5Cando se teña que cambiar o campamento, virán Aharón e seus fillos e farán baixar a cortina de protección e taparán con ela a Arca da Alianza. 6E poranlle enriba a cuberta de pel de teixugo e estenderán por riba un pano todo de púrpura violeta e logo colocarán os varais. 7Cubrirán a mesa da proposición cun pano de púrpura violeta e pousarán por riba as fontes, os pratos, as cuncas e as copas de libacións; e o pan perpetuo. 8Estenderán por riba de todo isto un pano escarlata, que cubrirán cunha cuberta de pel de teixugo, e colocaranlle os varais de transporte. 9Entón collerán o pano de púrpura violeta e envolverán o candelabro do alumado e as súas lámpadas, as súas tenaces e pinzas e todos os demais vasos de aceite, dos que se usan no servizo do candelabro. 10Envolverán todo nun coiro fino e pousarano sobre os varais. 11Enriba do altar de ouro estenderán un pano de púrpura violeta e taparano cunha pel de teixugo e colocarano nos varais. 12Collerán todos os utensilios que se usan no servizo do santuario, colocaranos no pano de púrpura violeta, taparanos coa pel de teixugo e colocaranos sobre os varais. 13Limparán as cinsas do altar e estenderán enriba o pano de púrpura. 14Sobre el porán todos os utensilios usados no servizo: os braseiros, as tenaces, e os tridentes, os garfos e as pás, e todos os outros utensilios do altar, e estenderán enriba unha pel de teixugo e colocaranlle os varais.
15Cando Aharón e os seus fillos dean envolto todos os obxectos do santuario con todos os seus utensilios sagrados, para pór en marcha o campamento, virán os fillos de Quehat para levalo, pero non poderán tocar nada sagrado, pois morrerían. Este é o cargo que teñen os fillos de Quehat, referente á Tenda do Encontro. 16O cargo de Elazar, fillo de Aharón, sacerdote, estará o aceite para alumar, o incenso para o recendo da ofrenda perpetua, o óleo da unción; o coidado de todo o Tabernáculo e de todas as cousas que hai nel, tanto o tocante ó santuario coma ós seus utensilios".
17Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 18—"Non deixedes desaparecer as familias de Quehat do medio dos demais levitas. 19Para que vivan e non morran, habedes proceder con eles deste xeito: cando teñan que se achegar ás cousas sagradas do santuario, Aharón e seus fillos entrarán e sinalaranlles cadanseu servizo e cargo. 20Non entren eles para ver as cousas sagradas, nin sequera cando as están tapando, porque morrerían".
Os fillos de Guerxón
21Díxolle o Señor a Moisés: 22—"Fai tamén o censo dos fillos de Guerxón por familias e casas patriarcais. 23Desde os de trinta anos para arriba ata os de cincuenta anos, e anota a todos os que sexan capaces para o servizo da Tenda do Encontro. 24Estes son os cargos das familias de Guerxón e os seus traballos: 25levarán as cortinas do Tabernáculo e da Tenda do Encontro, as súas cubertas e os coiros de teixugo que se usan para cubrilos por riba, a cortina da entrada da Tenda do Encontro, 26As cortinas do adro e as da entrada da porta do adro, os panos cos que se cobre o Tabernáculo e o altar por todo o arredor, as cordas e todos os demais utensilios para o seu servizo, e ensinaraslles o que teñen que facer con eles. 27Conforme as ordes de Aharón e de seus fillos, distribuiranse os cargos dos fillos de Guerxón con todas as funcións e servizos correspondentes, que lles encomendaredes en cada caso. 28Estes son os cargos dos fillos de Guerxón na Tenda do Encontro. No referente ás gardas, estarán baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón.
Os meraritas
29Censarás os fillos de Merarí, por familias e casas patriarcais. 30Farás o censo dos varóns de trinta anos para arriba ata os cincuenta anos, todos os que sexan capaces para o servizo da Tenda do Encontro. 31Estes son todos os traballos dos que se encargarán na Tenda do Encontro: levarán as táboas do Tabernáculo, os seus varais, as columnas, as súas bases, 32e tamén as columnas que están ó redor do adro coas súas bases, as súas estacas e as cordas con todos os accesorios correspondentes. Apuntaredes co nome deles os utensilios que teñen que gardar por cargo. 33Estes son os traballos que lles corresponden ós fillos das familias de Merarí, referentes todos ós servizos da Tenda do Encontro, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón".
Censo dos levitas
34Moisés, Aharón e os príncipes da comunidade fixeron o censo dos fillos de Quehat por familias e casas patriarcais. 35De trinta anos para arriba ata os cincuenta, todos os que eran capaces para o servizo na Tenda do Encontro. 36Os censados por familias sumaron 2.750. 37Estes son os censados da familia de Quehat que Moisés e Aharón dedicaron ó servizo da Tenda do Encontro conforme as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés. 38Os fillos de Guerxón anotados por familias e casas patriarcais, 39desde a idade de trinta anos para arriba ata os cincuenta, todos os que tiñan de ingresar no servizo da Tenda do Encontro, 40contados por familias e casas patriarcais, foron 2.630 en total. 41Estes son os contados por familias de entre os fillos de Guerxón, todos os que servían na Tenda do Encontro, que censaron Moisés e Aharón segundo as ordes do Señor. 42Os fillos de Merarí anotados por familias e casas patriarcais, 43desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, todos os que tiñan que ingresar no servizo da Tenda do Encontro, 44contados por familias, sumaron en total, 3.200. 45Estes son os censados da familia de Merarí, que anotaron Moisés e Aharón seguindo as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés. 46O total dos censados por Moisés, Aharón e os xefes de familia de Israel, dos descendentes de Leví por familias e casas patriarcais, 47de trinta anos para arriba ata cincuenta, todos os que tiñan que ingresar no servizo da Tenda do Encontro da comunidade, segundo os respectivos cargos, 48sumaron 8.580. 49Conforme as ordes do Señor, Moisés censounos un por un, segundo os servizos que debían desempeñar. Os designados foron aqueles que o Señor lle mandara a Moisés.
Currently Selected:
Números 4: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT