YouVersion Logo
Search Icon

Números 10

10
As trompetas
1Mandoulle o Señor a Moisés:
2—"Faite dúas trompetas de prata; faralas batidas a martelo e usaralas para convocar a comunidade e para dar o sinal de levantar o campamento. 3Cando as fagas soar, xuntarase onda ti toda a comunidade á porta da Tenda do Encontro. 4Se se toca unha só, virán a ti os príncipes, os xefes das agrupacións de Israel. 5Cando toquedes con estrondo, deberán levantar o campamento os acampados pola banda do abrente. 6E cando toquedes con estrondo por segunda vez, deberán levantar o campamento os do mediodía; tocarase, pois, o toque estrondoso para se poren en marcha aqueles. 7Para congregar a comunidade tamén tocaredes, pero non con estrondo. 8Os fillos de Aharón, os sacerdotes, tocarán as trompetas, que serán para vós lei perpetua nas vosas xeracións. 9Cando teñades que saír á guerra, no voso país, contra o inimigo que vos ataca, tocaredes as trompetas con estrondo e o Señor Deus voso acordarase de vós, e seredes liberados dos vosos inimigos. 10Nos vosos días de xúbilo, nas vosas solemnidades e nos primeiros de mes, tocaredes as trompetas durante os vosos holocaustos e sacrificios de comuñón, para que vos sirvan de memorial na presenza do voso Deus. Eu son o Señor, voso Deus!"
Orde de partir
11O ano segundo, o segundo mes, o vinte do mes, aconteceu que a Nube se elevou de enriba do Tabernáculo do Testemuño. 12Os fillos de Israel partiron do deserto de Sinaí por etapas, e a Nube detívose no deserto de Parán. 13Foi deste xeito como levantaron o campamento por primeira vez, segundo a orde do Señor, dada por medio de Moisés. 14Partiu a primeira a insignia do campamento dos fillos de Xudá, conforme os seus escuadróns, e como xefe da tropa ía Nahxón, fillo de Aminadab. 15Como xefe do exército da tribo dos fillos de Isacar ía Natanael, fillo de Suar; 16e como xefe do exército da tribo dos fillos de Zebulón, Eliab, fillo de Helón. 17Cando se desarmou o Tabernáculo, comezaron a marcha os fillos de Guerxón e os de Merarí, que cargaban co Tabernáculo.
18Logo saíu a insignia do campamento de Rubén, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elisur, fillo de Xedeur. 19Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Simeón ía Xelumiel, fillo de Surixadai; 20e como xefe do exército da tribo dos fillos de Gad, ía Eliasaf, fillo de Deuel. 21E saíron os quehatitas, levando o obxecto santo; e xa lles ergueran o Tabernáculo antes de chegaren eles. 22Despois partiu a insignia do campamento dos fillos de Efraím, segundo os seus escuadróns, e coma xefe da tropa ía Elixamá, fillo de Amihud. 23Coma xefe do exército da tribo dos fillos de Menaxés ía Gamaliel, fillo de Pedahsur; 24e coma xefe do exército da tribo dos fillos de Benxamín, Abidán, fillo de Guideón.
25Logo a insignia do campamento dos fillos de Dan, segundo os seus escuadróns. Saíu a derradeira, pechando todos os campamentos, e coma xefe da tropa ía Ahiézer, fillo de Amixadai. 26Coma xefe do exército da tribo de Axer ía Paguiel, fillo de Ocrán, 27e coma xefe do exército formado pola tribo dos fillos de Naftalí, Ahirá, fillo de Enán. 28Esta foi a orde das marchas dos fillos de Israel, repartidos nos seus escuadróns, cando partían.
O Señor conduce o pobo
29Moisés díxolle a Hobab, fillo de Reuel, madianita, sogro de Moisés: —"Nós partimos para o lugar, do que nos dixo o Señor: Héivolo dar a vós. Ven connosco e habémoste de tratar ben, pois o Señor prometeu o ben a Israel".
30Pero el respondeulle:
—"Non irei convosco, senón que me vou ir para a miña terra, onda os meus parentes".
31Moisés insistiu:
—"Rógoche que non nos deixes, pois ti coñeces ben os lugares axeitados onde habemos acampar no deserto, e serás para nós un bo guía! 32Se vés connosco, terás parte no ben que nos faga o Señor a nós, de todos os bens che daremos parte".
33E partiron do monte do Señor e andaron o camiño de tres días. A Arca da Alianza do Señor ía diante deles durante os tres días de camiño, para buscarlles sitio onde repousar. 34A Nube do Señor ía enriba deles de día, ó saíren do campamento. 35Para que a Arca se puxese en camiño, Moisés exclamaba:
—"Levántate, Señor;
sexan dispersos os teus inimigos;
e fuxan os que te aborrecen
diante da túa presenza!".
36E cando se detiña, dicía:
—"Vólvete, Señor, cara ós milleiros das familias de Israel".

Currently Selected:

Números 10: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in