YouVersion Logo
Search Icon

Números 1

1
Censo das tribos de Israel
1No deserto do Sinaí, na Tenda do Encontro, no primeiro día do segundo mes, no segundo ano despois da saída do país de Exipto, díxolle o Señor a Moisés: 2—"Facede o censo xeral de todos os israelitas, por familias e por casas patriarcais, escribindo o nome de cada un dos varóns, 3dos vinte anos para arriba, capaces de manexar as armas en Israel. Alistádeos para os respectivos exércitos, ti e Aharón. 4Teredes presentes convosco un home de cada tribo, o xefe de cada familia patriarcal.
5Os nomes dos homes que estarán convosco serán estes:
De Rubén, Elisur, fillo de Xedeur. 6De Simeón, Xelumiel, fillo de Surixadai. 7De Xudá, Nahxón, fillo de Aminadab. 8De Isacar, Natanael, fillo de Suar. 9De Zebulón, Eliab, fillo de Helón. 10Dos fillos de Xosé: por Efraím, Elixamá, fillo de Ammihud; por Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur. 11De Benxamín, Abidán, fillo de Guideón. 12De Dan, Ahiezer, fillo de Amixadai. 13De Axer, Paguiel, fillo de Ocrán. 14De Gad, Eliasaf, fillo de Deuel. 15De Naftalí, Ahira, fillo de Enán.
16Estes son os escollidos como cabezas das respectivas familias patriarcais; son xefes de milleiros en Israel". 17Moisés e Aharón rexistraron a todos estes homes chamados polo seu nome, 18e mandaron xuntar a toda a comunidade no primeiro día do mes segundo. Fixeron o seu censo por familias e por casas patriarcais, rexistrando o nome de cada varón de máis de vinte anos, xunto co seu xefe correspondente, 19conforme o tiña mandado Iavé a Moisés. Fixo o censo no deserto do Sinaí.
20Dos descendentes de Rubén, primoxénito de Israel, contados por familias e por casas patriarcais, rexistraron os nomes dos varóns de máis de vinte anos, todos os que podían ir á guerra: 21total 46.500 da tribo de Rubén. 22Dos descendentes de Simeón, feito o reconto da súa tribo por familias e por casas patriarcais, chamados polo nome xunto co seu xefe, todos os varóns, que podían ir á guerra, de vinte anos para arriba: 23foron 59.300 da tribo de Simeón. 24Dos descendentes de Gad, feito o reconto da súa tribo por familias e casas patriarcais, chamados polo seu nome, os que podían ir á guerra de máis de vinte anos para arriba: 25contáronse 45.650 da tribo de Gad. 26Dos descendentes de Xudá por familias e por casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 27contaron 74.600 da tribo de Xudá. 28Dos descendentes de Isacar, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome do seu xefe, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 29foron contados 54.400 da tribo de Isacar. 30Dos descendentes de Zebulón, por familias e casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns, de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 31o total foi de 57.400 da tribo de Zebulón. 32Dos descendentes de Xosé, os fillos de Efraím por familias e casas patriarcais, chamados polo nome dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 33feito o reconto, deu un total de 40.500 da tribo de Efraím. 34Dos fillos de Menaxés, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 35feito o reconto da tribo de Menaxés, deu un total de 32.200. 36Dos descendentes de Benxamín, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 37o reconto deu un total de 35.400 da tribo de Benxamín. 38Dos descendentes de Dan, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 39feito o reconto, deu un total de 62.700 da tribo de Dan. 40Dos descendentes de Axer, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de máis de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 41feito o reconto, deu un total de 41.500 da tribo de Axer. 42Dos descendentes de Naftalí, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 43feito o reconto, deu un total de 53.400 da tribo de Naftalí.
44Estes son os que foron censados por Moisés e Aharón e polos xefes dos israelitas: doce homes, un por cada tribo, representando a súa casa patriarcal. 45O total dos contados dos fillos de Israel por casas patriarcais, varóns de vinte anos para arriba, os que podían ir á guerra en Israel, 46por xunto todos os censados son 603.550 homes.
Funcións propias dos levitas
47Os levitas, con todo, non foron rexistrados entre os alistados para a guerra, segundo as casas patriarcais da súa tribo. 48O Señor dixéralle a Moisés: 49—"Non debes alistar ós da tribo de Leví, nin ós seus cabezas de familia entre os fillos de Israel. 50Débeslles confiar a eles o coidado da Morada do Testemuño e de todos os seus vasos sagrados e de canto pertence ás cerimonias. Soamente eles os poderán transportar e soamente eles os poderán manexar e meter na Tenda da Alianza. Acamparán arredor do tabernáculo. 51Cando o tabernáculo teña que ser transportado, só eles poderán desarmalo, e cando teñan que erguelo, serán os levitas quen o farán; calquera estraño que se achegue para tocalo, será castigado coa morte. 52Os fillos de Israel erguerán as súas tendas, cada un no propio campamento, onda a correspondente bandeira. 53Pero os levitas acamparán arredor do Tabernáculo do Testemuño, de tal xeito que os fillos de Israel non caian no castigo de Deus. Soamente a eles lles corresponde gardar o Tabernáculo do Testemuño".
54Os fillos de Israel cumpriron todas estas cousas, facéndoas conforme lle tiña ordenado o Señor a Moisés.

Currently Selected:

Números 1: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 1