Levítico 27
27
Votos e tributos
1Faloulle o Señor a Moisés: 2—"Dilles ós fillos de Israel: Cando alguén queira cambiar un voto que fixo, consagrando unha persoa ó Señor, poderao rescatar conforme o seu valor. 3A valoración será a seguinte: se o voto é por un varón que ten entre vinte e sesenta anos de idade, o prezo será de cincuenta siclos de prata dos do santuario; 4se é por unha muller da mesma idade, o prezo será de trinta siclos. 5Se o varón ten entre cinco e vinte anos, o valor será de vinte siclos; se é muller, será de dez siclos. 6Se é un neno dun mes a cinco anos, o valor será de cinco siclos de prata, se é home; e de tres siclos de prata, se é muller. 7Se a persoa consagrada ten de sesenta anos para arriba, o valor será de quince siclos, se é home; e de dez, se é muller. 8Se o que fixo o voto fose pobre e non pode pagar o valor taxado, preséntese ó sacerdote, que o valorará conforme as súas posibilidades.
9Se o voto que se fixo foi dunha res, todo canto se lle ofreza ó Señor do animal será sagrado: 10non poderá ser cambiado nin trocado por outro, nin mellor nin peor. Se alguén troca un animal por outro, ámbolos dous serán sagrados, tanto o trocado coma o outro. 11Se o animal ofrecido ó Señor fose impuro e non servise para ser inmolado como sacrificio, será presentado ó sacerdote, 12que o taxará coma bo ou malo: o seu prezo será o que lle taxe o sacerdote. 13Se o que o ofreceu en voto o quere rescatar, dará por el un quinto máis do prezo taxado.
14Se alguén fai ofrenda da súa casa ó Señor, o sacerdote fixará o seu valor, moito ou pouco. O valor que lle poña, será considerado xusto. 15Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará por ela un quinto máis do prezo taxado, e será del. 16Se alguén fai ofrenda ó Señor dalgunha herdade do seu patrimonio, será valorada segundo os ferrados de semente: cincuenta siclos de prata por cada ferrado de semente de cebada. 17Se ofreceu a herdade no ano do Xubileu, dará o prezo total; 18se foi despois do Xubileu, o sacerdote contará os anos que faltan ata o Xubileu seguinte e descontará do valor taxado o que corresponda ós anos pasados. 19Se o que a ofreceu a quere rescatar, pagará un quinto máis do prezo taxado en siclos de prata, e será del. 20Se o que ofrece a herdade non a rescata e se se vende a outro, non terá dereito a rescatala máis; 21pero cando chegue o Xubileu, quedará libre e será considerada como sagrada para o Señor, como se fose un eido con interdito, e pasará a ser propiedade do sacerdote.
22Se o eido consagrado ó Señor fose comprado, non herdado, 23o sacerdote taxará o seu valor conforme o número de anos ata o Xubileu, e, pasado ese prezo, nese mesmo día será sagrado para o Señor. 24No ano do Xubileu o eido volverá ó dominio do primeiro que o vendera, porque era parte da súa herdanza. 25Toda valoración se fará conforme o valor do siclo do santuario, cada siclo vale vinte óbolos.
Os primoxénitos
26A primeira cría do gando, que por ser primoxénito pertence ó Señor, non poderá ser ofrecida como voto, será xa do Señor, sexa tenreiro, sexa de gando miúdo. 27Se fose animal impuro, poderase rescatar polo prezo avaliado, engadíndolle un quinto; pero se non se rescata, venderase polo prezo taxado.
O anatema
28Calquera ofrenda en anatema que alguén lle fai ó Señor de todo canto lle pertence, persoa, animal ou terra, non se poderá vender nin rescatar: será totalmente consagrada ó Señor. 29Nin sequera un ser humano, que foi ofrecido en anatema ó Señor, poderá ser rescatado: terá que morrer.
Os décimos
30O décimo enteiro, tanto da terra coma da semente da terra ou do froito das árbores, será do Señor: é cousa sagrada para Iavé. 31Se alguén quere rescatar o seu décimo, pagará un quinto máis do prezo avaliado. 32Todo décimo de gando grande ou pequeno, é dicir, cada décima cabeza que pase por debaixo do caxato, será consagrado ó Señor. 33Non se escollerá entre bo ou malo, nin se poderá trocar. Se alguén o cambiase, tanto o animal trocado coma o outro serán sagrados, non se poderán rescatar". 34Estes son os mandamentos, que o Señor lle ordenou a Moisés para os fillos de Israel no monte Sinaí.
Currently Selected:
Levítico 27: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT