Skip to content

Nehemías 3

3
Reparación dos muros de Xerusalén
1Eliaxib, o sumo sacerdote, levantouse, xuntamente cos seus irmáns, os sacerdotes, e construíron a porta das Ovellas. Consagrárona e puxéronlle as follas; despois consagraron a muralla ata a torre dos Cento, ata a torre de Hananel. 2O seu lado construíron os homes de Iericó e ó lado construíu Zacur, fillo de Imrí. 3Os fillos do Senaah fixeron a porta dos Peixes e foron tamén eles os que a colocaron e fixaron as súas follas, trancas e ferrollos. 4De seguido traballou Meremot, fillo de Urías, fillo de Hacós, e ó seu lado traballou Mexulam, fillo de Berequías, fillo de Mexezabel; xunto del traballou Sadoc, fillo de Baná; 5ó seu lado traballaron os de Tecoa, pero os seus notables non se sumaron ó servzo dos seus señores. 6Ioiadá, fillo de Paséah, e Mexulam, fillo de Besodía, traballaron na porta do arrabalde novo; foron eles os que fixaron as súas follas, trancas e ferrollos. 7O seu lado traballou Melatías o gabaonita, e tamén Iadón o meronotita, os homes de Gabaón e de Mispah, dependentes do solio do gobernador de Transeufratina. 8O seu lado traballou Uziel, fillo de Harhaías o ourive, e ó seu lado traballou Hananías o perfumista. Fóronse de Xerusalén unha vez rematada a muralla longa. 9Canda eles traballou Refaías, fillo de Hur, xefe da metade do distrito de Xerusalén. 10A continuación traballou Iedaías, fillo de Harumaf, fronte da súa casa, e ó seu lado traballou Hatux, fillo de Haxafnías. 11Na segunda porción traballou Malaquías, fillo de Harim, como tamén Haxub, fillo de Pahat—Moab; o mesmo que na torre dos Fornos. 12O seu lado traballou Xalum, fillo deo Lohex, xefe da metade dun sector de Xerusalén, el e as súas fillas. 13Na porta do Val traballou Hanún cos habitantes de Zanóah; foron eles os que a fixeron, aseguraron as súas follas, coas barras e fechos, e reconstruíron cincocentos metros de muralla ata a porta do Esterco. 14A porta do Esterco restaurárona Malaquías, fillo de Recab, xefe do distrito do Casalhorto; foi el quen a construíu, fixando as súas follas, trancas e fechos. 15Xalum, fillo de Kol—Hozeh, xefe do sector de Mispah, traballou na porta da Fonte; foi el quen a fixo, cubriuna e púxolle as follas, trancas e ferrollos; tamén construíu a muralla do estanque de Xélah, onda o xardín real, ata a esqueira que baixa da Cidade de David.
16Despois del traballou Nehemías, fillo de Azbuc, xefe de medio distrito de Caspena, ata as tumbas de David, o estanque artificial e a casa dos Valentes. 17O seu lado traballaron os levitas: Rehúm, fillo de Baní e, a par del, traballou no seu propio distrito Haxvías, xefe da metade do sector de Queilah: 18Despois del traballaron os seus irmáns Binuí, fillo de Henadad, xefe da metade do sector de Queilah. 19O seu lado traballou Ézer, fillo de Iexúa, xefe de Mispah, nunha segunda porción, a partir do sitio que cae fronte á subida do arsenal, no ángulo. 20Despois del traballou con gran coraxe Baruc, fillo de Zabai, nunha segunda porción, a partir do ángulo ata a entrada da casa de Eliaxib, o sumo sacerdote. 21Despois del traballou Meremot, fillo de Uría, fillo de Hacós, nunha segunda porción, a partir da entrada da casa de Eliaxib ata o extremo da casa de Eliaxib. 22E despois del traballaron os sacerdotes, chegados dos contornos. 23Despois traballou Benxamín e tamén Haxub, diante da súa casa; despois traballou Azarías, fillo de Maseías, fillo de Anasías, ó lado da súa casa. 24Despois del traballou Binuí, fillo de Henadad, nunha segunda porción, a partir da casa de Azarías ata o recanto e ata o ángulo; 25Palal, fillo de Uzai, continuou a partir do ángulo e a torre superior do palacio real, a alta, a que dá ó patín do cárcere. A par del, Pedaías, fillo de Parox, restaurou 26Ata a porta das Augas, ó leste da torre superior. 27Despois del traballaron os de Tecoa, nunha segunda porción, a partir do lugar que está diante da torre superior, ata a muralla do Ofel. 28Despois da parte alta da porta dos Cabalos traballaron os sacerdotes, cada un diante da súa casa. 29A continuación traballou Sadoc, fillo de Imer, diante da súa casa, e despois del traballou Xemaías, fillo de Xecanías, gardián da porta do Leste. 30Despois del traballou Hananías, fillo de Xelemías, e tamén Hanún, fillo de Salaf o sexto, nunha segunda porción. A continuación traballou Mexulam, fillo de Berequías, diante da súa morada. 31Despois del traballou Malaquías o ourive ata a casa dos servidores e dos comerciantes, fronte á porta de Mifcad ata a cela alta do ángulo. 32Entre a cela alta do ángulo e a porta das Ovellas traballaron os ourives e os comerciantes.
Os inimigos opóñense á reconstrución
33Cando Sambalat soubo que nós levantabamos a muralla, encheuse de cólera e de furor. Burlouse dos xudeus 34e falou na presenza dos seus irmáns e das tropas de Samaría, dicindo:
—"Que fan eses infelices? Déixaselles traballar? Van ofrecer sacrificios? Van terminar hoxe? Farán revivir as pedras de entre os pardiñeiros, agora que xa están calcinadas?"
35O amonita Tobías estaba ó seu lado e dixo:
—"Eles constrúen, mais, en canto suba unha raposa á súa muralla de pedra, fará nela unha fenda".
36Escoita, Deus noso, como se burlan de nós. Fai caer os seus insultos sobre a súa cabeza e entrégaos ó desprezo nun país de catividade. 37Non perdoes a súa falta, e que o seu pecado non se borre diante de ti; porque cometeron unha ofensa contra os que constrúen.
38Reconstruímos, pois, a muralla, e toda ela foi reparada ata media altura. O pobo tomou moi a peito o facela.