Nehemías 2
2
Viaxe de Nehemías a Xerusalén
1No mes de Nisán do vixésimo ano do rei Artaxerxes, cando xa tiña servido o viño, ofrecín ó rei unha copa. Como eu xamais estivera triste diante del, 2o rei díxome:
—"Por que o teu rostro é triste? É que estás doente? Ou trátase só dunha tristura do corazón?"
A min entón invadiume un gran temor. 3Contesteille ó rei:
—"Que o rei viva por sempre. Como non vai estar triste o meu rostro, cando a cidade onde están as sepulturas de meus pais foi devastada, e as súas portas devoradas polo lume?"
4O rei díxome:
—"Que é entón o que pretendes?"
Eu recei ó Deus dos ceos 5e despois díxenlle ó rei:
—"Se iso lle parece ben ó rei e se o teu servidor é grato ós teus ollos, mándame camiño de Xudá, cara á cidade das tumbas de meus pais, para reconstruíla".
6O rei e a raíña, sentada ó seu lado, preguntáronme:
—"Canto durará a túa viaxe e cando volverás?"
Pareceulle ben ó rei a data que lle indiquei e deixoume partir.
7Eu engadín:
—"Se a cousa parece ben ó rei, que se me dean cartas para o gobernador de Transeufratina, a fin de que eles me deixen pasar ata chegar a Xudá 8e tamén unha carta para Asaf, garda do parque real, a fin de que me dea a madeira para construír as portas da cidadela do templo e para as murallas da cidade e a casa onde eu me instale".
O rei deume esas cartas, pois a boa man do meu Deus estaba sobre min.
9Presenteime, pois, ós gobernadores de Transeufratina e deilles as cartas do rei. O rei enviárame tamén oficiais do exército e xinetes.
10Sambalat, o horonita, e Tobías, o servidor amonita, souberon a noticia e desgustáronse moito ó veren que alguén viña preocupándose do maior ben dos fillos de Israel.
11Cheguei a Xerusalén e detívenme alí tres días. 12Despois erguinme pola noite, con algúns homes máis, pero sen lle revelar a ninguén canto Deus me puxera no corazón para levar a cabo en Xerusalén. Cabalgadura só tiña unha, a que eu montaba. 13Saín de noite pola porta do Val cara á fonte do Dragón e á porta do Esterco. Examinei coidadosamente as murallas de Xerusalén e decateime de que case non había máis que fendas, e que as portas foran devoradas polo lume. 14Pasei cara á porta da Fonte e cara ó estanque real, pero non vin alí sitio por onde pasar a cabalgadura que levaba. 15Subín, entón, polo torrente (aínda era noite) e examinei a muralla moi atentamente. Despois dei a volta pola porta do Val ata a casa.
16As autoridades non souberon onde fora, nin o que pensaba facer. É que aínda non lles dixera nada ós xudeus, ós sacerdotes, ós notables e maxistrados, nin ós outros que se ocupaban dos traballos. 17Entón díxenlles:
—"Xa vedes a triste situación na que nos encontramos: Xerusalén devastada e as súas portas queimadas. Hai, pois, que reconstruír a muralla de Xerusalén e non sexamos máis unha irrisión".
18Reveleilles como a man do meu Deus, a súa boa man, estaba sobre min e canto o rei me dixera. Eles dixeron entón:
—"Arriba, a traballar!"
E puxeron mans á obra con moitos azos.
19Cando o souberon o horonita Sambalat, o servo amonita Tobías, e Guéxem, o árabe, ríronse de nós e dicían con desprezo:
—"Que é o que ides facer? Rebelástesvos contra o rei?"
20Eu respondinlles, dicindo:
—"É o Deus dos ceos, El mesmo, o que nos dará o éxito. Nós, os seus servos, levantarémonos e construiremos. Para vosoutros non haberá parte ningunha, nin dereito nin recordo en Xerusalén".
Dereitos reservados: SEPT