YouVersion Logo
Search Icon

Miqueas 6

6
III. PREITO E AMEAZAS CONTRA ISRAEL
Preito de revisión da Alianza
1Escoitade, pois, o que di o Señor:
"De pé! Convoca os montes a litixio,
e que os outeiros escoiten a túa voz".
2Escoitade, montes, o litixio do Señor,
escoitade a súa fidelidade, fundamentos da terra,
pois o Señor ten un litixio co seu pobo,
entra en disputa con Israel.
3"Meu pobo, que che fixen?, en que te quebrantei? Respóndeme!
4Si, fíxente subir do país de Exipto, e rescateite da escravitude,
e mandei á túa fronte a Moisés, a Aharón e a Miriam.
5Meu pobo, lémbrate do que maquinaba Balac, rei de Moab,
e do que desde Xitim ata Guilgal lle respondeu Balaam, fillo de Beor,
para que recoñezas a fidelidade do Señor".
Resposta do pobo, e oráculo
6Con que me presentarei diante do Señor?
Con que me prostrarei ante o Deus Altísimo?
Presentareime diante del con holocaustos?
Con becerros, crías dun ano?
7Compracerase o Señor en miles de carneiros,
en millares de regueiros de graxa?
Deberei darlle o primoxénito en expiación polo meu delito?
8"Home, xa se che explicou, que é o bo,
que é o que o Señor pide de ti:
practicar a xustiza, amar a fidelidade
e comportarte humildemente co teu Deus".
9A voz do Señor bérralle á cidade:
"Deste xeito verás o triunfo".
Oráculo de castigo contra Israel polas súas inxustizas
Escoitade, tribo e asemblea da cidade:
10"Podo eu soportar o canado tramposo, tesouros inxustos e tega escasa e maldita?
11Podo eu declarar lexítimas as balanzas inxustas e o saco con pesas falsas?
12Si, os ricos das cidades están cheos de violencia,
os seus habitantes falan mentiras e a súa lingua é falsa na súa boca.
13Velaí, tamén eu empecei a bater en ti, a volverte unha desolación por culpa dos teus pecados.
14Ti comerás e non te fartarás:
a túa ruína está no teu ventre.
Gardarás algo, pero non o salvarás,
e o que salves eu entregareino á espada.
15Sementarás, pero non recollerás.
Pisarás as olivas, pero non te perfumarás co aceite;
pisarás as uvas, pero non beberás o viño.
16Si, obrigóusevos a cumprir os decretos de Omrí,
e todos os feitos da casa de Acab,
e comportástesvos conforme as súas ordes.
Por iso eu convertereivos nun horror;
e ós habitantes da cidade, nunha burla.
Teredes que aturar o escarnecemento dos pobos".

Currently Selected:

Miqueas 6: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in