YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 6:27-49

Lucas 6:27-49 ABGS

Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; ó que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós. Se amades os que vos aman, que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles. E se lles facedes ben ós que vos fan ben, que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, poucas grazas! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo. Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vós: unha boa medida acugulada, rebordada, apertada seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós. E púxolles unha comparanza: Acaso poderá un cego guiar a outro cego? Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Como lle poderás dicir a teu irmán: "Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán. Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca. Por que me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece: Parécese a un home que, ó edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río foi por fóra, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. Pero quen as escoita e non as pon en práctica, é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos: ó romper contra ela o torrente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy