YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 6

6
O asunto das espigas no sábado (Mt 12, 1-8; Mc 2, 23-28)
1Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os seus discípulos arrincaban espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. 2Entón dixeron algúns fariseos:
Como facedes o que non está permitido facer no sábado?
3Respondeulles Xesús:
Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame, el e mais os seus acompañantes? 4Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles ós seus acompañantes, iso que non lles estaba permitido comelos a eles, senón só ós sacerdotes.
5E engadiu:
O Fillo do Home é o Señor do sábado.
O home da man tolleita (14, 1-6; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)
6Outro sábado entrou na sinagoga a ensinar, e atopou un home que tiña unha man tolleita, a dereita. 7Os letrados e mais os fariseos estaban á espreita a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 8Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ó home que tiña a man tolleita:
Érguete e ponte no medio.
El ergueuse e púxose no medio. 9Entón Xesús díxolles:
Fágovos unha pregunta: Que está permitido facer no sábado: o ben ou o mal; salvar a vida ou perdela?
10E botándolles a todos unha ollada chea de indignación, díxolle ó home:
Estende a túa man.
El fíxoo e a man quedoulle curada. 11Pero eles, todos enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.
Elección dos Doce (Mt 10, 1-14; Mc 3, 13-19)
12Por aqueles días foi orar ó monte, e pasou a noite orando a Deus. 13Cando se fixo de día, chamou ós seus discípulos e escolleu doce entre eles, ós que chamou apóstolos: 14Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán, Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, 15Mateo, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, 16Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
17E baixando con eles, detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e mais de toda a ribeira de Tiro e Sidón, 18que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados; 19e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todos.
Bendicións e maldicións (Mt 5, 1-12)
20Xesús coa mirada posta nos seus discípulos dixo:
Ditosos vós os pobres,
porque voso é o Reino de Deus.
21Ditosos os que agora pasades fame,
porque Deus vos fartará.
Ditosos os que agora chorades,
porque riredes.
22Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes,
vos expulsen e vos aldraxen,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home:
23Alegrádevos nese día, brincando de gozo,
porque grande será a vosa recompensa no ceo,
pois así mesmo foi como os pais deles lles fixeron ós profetas.
24Pero, ai de vós, os ricos,
porque xa acadastes a vosa satisfacción!
25Ai de vós, os que agora estades fartos:
xa pasaredes fame!
Ai de vós, os que agora rides:
xa choraredes e xa laiaredes!
26Ai, cando todos falen ben de vós:
o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!
Amor ós inimigos (Mt 5, 38-48; 7, 1-2. 12)
27Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, 28bendicide ós que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; 29ó que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. 30O que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada. 31Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.
32Se amades os que vos aman, que facedes de máis? Os pecadores tamén aman a quen os aman a eles. 33E se lles facedes ben ós que vos fan ben, que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. 34E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, poucas grazas! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. 35Vosoutros non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. 36Sede compasivos coma o voso Pai é compasivo.
37Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. 38Dade, e darásevos a vós: unha boa medida acugulada, rebordada, apertada seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.
Comportamento dos discípulos (Mt 7, 3-5. 17-20; 12, 33-35; 15, 14)
39E púxolles unha comparanza:
Acaso poderá un cego guiar a outro cego? Non caerán os dous na fochanca? 40Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. 41Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? 42Como lle poderás dicir a teu irmán: "Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo", sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
43Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. 44Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. 45O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón, e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.
Obras e non palabras (Mt 7, 21. 24-27)
46Por que me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? 47Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece: 48Parécese a un home que, ó edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río foi por fóra, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. 49Pero quen as escoita e non as pon en práctica, é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos: ó romper contra ela o torrente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.

Currently Selected:

Lucas 6: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy