Levítico 13
13
Diferentes castes de lepra humana
1) Inflamación, furuncho e mancha
1O Señor faloulles a Moisés e a Aharón: 2—"Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha branquexada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes. 3O sacerdote examinará a chaga que aparece na pel do corpo. Se ve que afonda na carne e que o pelo do sitio da chaga branquexou, de seguro que é lepra. Os sacerdotes testemuñarán e declararano impuro. 4Mais se a mancha da pel fose branquexada pero non aparece máis fonda có resto da pel, e o pelo non branquexou, o sacerdote fará illar o enfermo durante sete días. 5E examinarao o sacerdote no día sétimo; e se, ó seu parecer, remite a infección sen se estender pola pel adiante, hao recluír por outros sete días. 6Volverao mirar de novo o sacerdote no día sétimo, e se comproba que a chaga parou e non se estendeu na pel, o sacerdote declararao puro do mal da lepra. Faralle lavar os seus vestidos, e quedará puro. 7Pero se, despois de o mirar o sacerdote e de o declarar puro, a chaga medrou na pel, terá que ser examinado outra vez polo sacerdote. 8Se ó miralo ben o sacerdote, ve que a chaga se estendeu na pel, declararao impuro: é un caso de lepra nalgunha das súas castes.
2) Lepra enraizada
9Cando a alguén se lle vexa unha chaga coma de lepra, será levado ó sacerdote. 10O sacerdote examinaraa: se observa un tumor branquexada na pel, e se a cor do pelo se torna esbrancuxada aparece a chaga en carne viva, 11de seguro que é lepra xa vella na pel e na carne. O sacerdote declararao impuro e non o fará encerrar, pois é impuro. 12Pero se a lepra se estendeu por toda a pel e cubriu todo o corpo do enfermo, da cabeza ós pes, naquelas partes que están á vista do sacerdote, 13este examinarao: se ve que a lepra cobre todo o corpo, declararao puro da chaga, tornouse todo branco, é puro. 14Pero cando apareza nel unha chaga en carne viva, quedará impuro. 15Tan axiña como o sacerdote vexa a ferida en carne viva, declararao impuro, pois a carne viva é impura, de seguro que é lepra. 16Pero se a chaga en carne viva desaparece e se torna branca, o infectado irá ó sacerdote. 17O sacerdote examinarao e ó ver que a chaga se tornou branca, declararao puro da chaga, o home é puro.
3) Furuncho
18Cando alguén tivo na pel un furuncho e sandou, 19se no sitio do furuncho aparece un tumor esbrancuxado ou unha mancha branquexada avermellada, presentarase ó sacerdote. 20O sacerdote mirarao. Se a mancha aparece máis fonda na pel e o seu pelo se tornou branco, o sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra, que se fixo no furuncho. 21Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non hai nela pelo branco nin é máis fonda cá pel, e pola contra, a chaga aparece máis escura, o sacerdote farao encerrar durante sete días. 22Se, ó cabo deles, a chaga segue medrando na pel sen deterse, o sacerdote declararao impuro, pois é lepra. 23Pero se a chaga segue no seu sitio e deixa de medrar, e a brancura non se estende, é un furuncho curado, o sacerdote declararao puro.
4) Queimadura
24Se no corpo de alguén houbo unha queimadura de lume, e aparece a carne viva no pelado, tornándose branco avermellado, ou soamente branco, 25examinarao o sacerdote. Se o pelo torna branco e a chaga aparece máis fonda cá pel, seguro que é lepra, que se formou na queimadura. O sacerdote declararao impuro: é chaga de lepra. 26Pero se ó examinala, o sacerdote ve que non naceu pelo branco na mancha nin é máis fonda cá pel e soamente perdeu un pouco a cor, o sacerdote farao encerrar durante sete días. 27No día sétimo examinarao o sacerdote. Se ve que se espallou pola pel, declararao impuro: de seguro que é lepra. 28En troques se a mancha deixou de medrar, non se estendendo pola pel, e a súa cor se tornou pálida, é a bostela da queimadura. O sacerdote declararao puro: é soamente a cicatriz da queimadura.
5) Chagas no coiro cabeludo
29Cando un home ou unha muller teña unha chaga na cabeza ou na barba, 30examinará ben a ferida o sacerdote. Se aparece máis fonda cá pel e ten o pelo amarelo e máis raro, será declarado impuro polo sacerdote. Ten a tiña, é lepra da cabeza ou da barba. 31Pero se o sacerdote ó examinar a chaga da tiña, esta non aparece máis fonda cá pel, nin hai nela pelo negrexo, o sacerdote fará encerrar durante sete días ó que ten a chaga. 32No sétimo día o sacerdote volverá examinar a chaga. Se non se estendeu nin aparece pelo amarelo, e a chaga non aparece máis fonda cá pel, 33o enfermo farase rapar todo, agás o sitio da tiña, e o sacerdote farao encerrar durante outros sete días. 34No día sétimo o sacerdote examinará de novo a chaga. Se non se estendeu nin aparece máis fonda cá pel, o sacerdote declararao puro, e despois de lavar o seu vestido, quedará puro. 35Se a chaga se estende na pel, despois de ser declarado puro, 36o sacerdote examinarao de novo. Se aparece na pel a chaga, non precisa o sacerdote examinar se o pelo é amarelo: é impuro. 37Pero se, ó seu xuízo, a chaga non se estendeu e no sitio nace pelo negro, entón a chaga curou: é puro. O sacerdote declararao puro.
38Cando a un home ou a unha muller lles aparezan na pel manchas albeiras, 39que llelas examine o sacerdote. Se na pel del ou dela aparecen manchas entre escuras e albeares, trátase dunha afección lixeira, que xurdiu na pel: é puro. 40Cando a un home lle cae o pelo da súa cabeza, queda calvo, pero é puro. 41Se lle cae o pelo da parte dianteira da súa cabeza, é calvo na fronte, pero é puro. 42Pero se na parte calva, ben de toda a cabeza, ben da parte de diante, aparece unha mancha albeira e avermellada, é unha lepra que lle naceu nos sitios pelados. 43O sacerdote examinarao, e se o sitio da chaga aparece de cor albeira avermellada, sexa na parte calva da cabeza, sexa na parte de diante, semellante á cor da chaga da lepra da pel do corpo, 44trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
Comportamento do leproso
45O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá gritando: impuro, impuro. 46Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.
Lepra nos vestidos
47O vestido no que apareza unha mancha de lepra, tanto se o vestido é de lá coma de liño, 48sexa no urdido, ou no tecido do liño ou da lá, ou nunha pelica, ou en calquera peza de coiro para vestirse, 49e se a mancha no vestido ou na pelica ou no urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro é verdella ou avermellada, trátase de mancha de lepra. Terá que ser examinado polo sacerdote. 50O sacerdote examinará a mancha e fará pechar o obxecto contaxiado durante sete días. 51No día sétimo volverao mirar o sacerdote. Se ve que a mancha se estendeu no vestido ou no urdido ou no tecido ou na pelica ou en calquera peza de coiro para se vestir, a mancha é lepra maligna: o obxecto é impuro. 52Queimarase o vestido ou o urdido ou o tecido de lá ou de liño ou calquera peza de coiro no que estea a mancha, pois é lepra corrosiva: será queimado no lume. 53Pero se, ó examinala o sacerdote, non se estendeu a mancha no vestido, ou no urdido, ou no tecido ou na peza de coiro, 54o sacerdote ordenará que se lave o obxecto contaminado, e volverao encerrar durante outros sete días. 55Tornará a examinar a mancha o sacerdote, despois desta lavadura. Se, ó seu xuízo, a mancha non cambiou de cor nin se espallou, será impuro, o obxecto terá que ser queimado no lume, porque está corroído polo dereito e polo revés. 56Pero se, ó mirala o sacerdote, a mancha, despois da lavadura, aparece descorada, esgazaraa do vestido ou da pelica ou do urdido ou do tecido. 57Se aínda despois da lavadura se ve que no vestido ou na urdido ou no tecido ou na peza de coiro a mancha se estendeu, terá que ser queimado no lume o obxecto manchado. 58O vestido, ou o urdido ou o tecido ou a peza de coiro que, ó lavalo, lle desaparece a mancha, lavarase outra vez, e será puro. 59Esta é a lei acerca da mancha de lepra no vestido de lá ou de liño ou na urdido ou no tecido ou en calquera peza de coiro, cando teña que ser declarada pura ou impura".
Currently Selected:
Levítico 13: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT