YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 9

9
Os nativos, amedrentados
1En oíndo isto todos os reis da beira do Xordán, das montañas e da Xefelah e de todas as costas do Mar Grande de fronte ó Líbano —os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos—, 2preparáronse todos á xunta para loitaren contra Xosué e contra Israel, todos eles de acordo.
A xogada dos de Gabaón
3Os veciños de Gabaón oíron o que fixera Xosué con Xericó e con Ai, 4e actuaron tamén eles con retranca, intentando pasar por mandadeiros. E colleron sacos vellos para os seus asnos, e coiros de viño vellos, e semellaban fendidos e angustiados, 5con calzados vellos e remendados nos seus pés, e vestindo roupa gastada; e todo o pan do seu fornecemento estaba balorecido e esmigallado.
6E foron onda Xosué, ó campamento de Guilgal, e dixéronlle a el e mais a todos os homes de Israel: —"Vimos de terra remota, para che pedirmos que fagas un trato connosco". 7E respondéronlles os homes de Israel ós hivitas: —"Pode que habitedes entre nós, e entón, como imos facer un trato convosco?" 8Eles dixéronlle a Xosué: —"Somos os teus servos". Daquela, preguntoulles Xosué: —"Quen sodes, e de onde vides"? 9Respondéronlle: —"Os teus servos veñen dunha terra moi remota, por mor do nome do Señor, o teu Deus, pois chegou ós nosos oídos a súa sona, todo o que fixo en Exipto 10e o que fixo cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán: con Sihón, o rei de Hexbón, e con Og, o rei do Baxán, que vivía en Axtarot. 11E dixéronnos os anciáns e todos os veciños da nosa terra: collede convosco fornecemento para o camiño e ide ó seu encontro e dicídelles somos os vosos servos. Daquela, facede agora un trato connosco. 12Velaquí o noso pan, collido quente das nosas casas para o noso fornecemento, o día que saímos para vir onda vós, e agora ben vedes que está balorecido e esmigallado. 13E estes coiros de viño, novos cando os enchemos, velaquí que romperon: e estes nosos vestidos e calzados volvéronse vellos de tan longo camiño".
14E colleron os homes de Israel do fornecemento, sen consultaren a palabra do Señor, 15e fixo con eles Xosué a paz, e conviñeron nun trato verbo da vida deles, e os príncipes da asemblea confirmárono con xuramento.
16Pero ós tres días de facer o trato con eles, decatáronse de que os tales eran os seus veciños, e que habitaban entre eles. 17Continuaron camiño os fillos de Israel, e, ó terceiro día, chegaron ás súas cidades. Eran estas Gabaón, Quefirah, Beerot e Quiriat—Iearim. 18Non obstante, os fillos de Israel non os mataron, pois os príncipes da asemblea xuráranlles polo Señor, Deus de Israel. Entón, toda a asemblea murmurou contra os príncipes. 19E os príncipes dixéronlle á asemblea: —"Nós xurámoslles polo Señor, Deus de Israel, e agora non podemos tocalos. 20Pero faremos deste xeito: deixarémolos vivir, e así non virá sobre nós a cólera por mor do xuramento que lles fixemos. 21Que vivan, e que sexan os cortadores de madeira e carrexadores de auga para toda a asemblea". Así falaron os príncipes.
22Chamou entón Xosué ós gabaonitas, e díxolles: —"Por que nos traizoaches dese xeito, dicindo somos de moi lonxe de vós, cando estades vivindo entre nós? 23Agora, malditos seredes, e non deixará de haber entre vós un servo: seredes cortadores de madeira e carrexadores de auga para a casa do meu Deus".
24Eles respondéronlle: —"Aconteceu que ós teus servos foilles mostrado con claridade o que mandara o Señor, o teu Deus, a Moisés, o seu servo, de darvos todo o país, e de eliminar a todos os veciños do país que vos apareceran diante. Entón trememos de abondo polas nosas vidas por mor de vós, armamos o argallo ese. 25E agora, velaquí que estamos na túa man: o que mellor e máis xusto che pareza facer connosco, faino".
26E fixo con eles así: librounos da man dos fillos de Israel, que non os mataron: 27e asignoulles Xosué no día aquel a carga de cortadores de madeira e carrexadores de auga para a asemblea, e para o altar do Señor no lugar que El escollera, ata o día de hoxe.

Currently Selected:

Xosué 9: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in