Xosué 10
10
Coalición dos amorreos contra Gabaón
1Cando soubo Adonisédec, o rei de Xerusalén, que Xosué conquistara Ai e a destruíra (como fixera con Xericó e co seu rei, así fixo con Ai e co seu rei), e que os veciños de Gabaón fixeran as paces con Israel, vivindo como estaban no medio deles, 2colleu moito medo, pois Gabaón era unha gran cidade —como unha das cidades reais—, e porque era maior que Ai e todos os seus homes eran bos guerreiros. 3E enviou Adonisédec, o rei de Xerusalén, esta mensaxe a Hoham, rei de Hebrón, a Piram, rei de Iarmut, a Iafía, rei de Láquix, e a Debir, rei de Eglón: 4—"Subide onda min e axudádeme, e destruiremos Gabaón, pois fixo as paces con Xosué e cos fillos de Israel". 5E reuníronse os cinco reis amorreos —o rei de Xerusalén, o rei de Hebrón, o rei de Iarmut, o rei de Láquix, e o rei de Eglón—, e subiron con todos os seus exércitos, e acamparon diante de Gabaón, e declaráronlle a guerra.
Xosué axuda a Gabaón
6Os homes de Gabaón enviaron unha embaixada onda Xosué, ó campamento de Guilgal, para lle dicir: —"Non deixes da túa man ós teus servos: sube axiña onda nós e fai por salvarnos; axúdanos, pois aconchegáronse contra nós todos os reis amorreos que moran nas montañas".
7E subiu Xosué de Guilgal con todo o seu pobo, todos os guerreiros. 8E dixo o Señor a Xosué: —"Non lles teñas medo, pois púxenchos na túa man: non quedará vivo un só deles diante de ti".
Ataque de Xosué e desfeita dos amorreos
9E arremeteu Xosué de súpeto contra eles, despois de camiñar durante toda a noite desde Guilgal. 10E esnaquizounos o Señor diante de Israel, e bateunos cun grande estrago, en Gabaón; e perseguiunos polo camiño que sobe a Bet—Horón, e mallou neles deica Azecah e deica Maquedah. 11E, ó fuxiren de diante de Israel, aconteceu que o Señor mandou contra eles grandes petoutos desde o ceo, ata Azecah, e morreron, sendo máis os que morreron polos petoutos, que os que mataron os fillos de Israel pola espada.
Xosué quere rematar a vitoria nun só día
12Entón falou Xosué co Señor naquel día en que entregara os amorreos diante dos fillos de Israel, e dixo en presenza do pobo: —Sol, está quedo en Gabaón; e ti, lúa, no val de Aialón. 13E parouse o sol e contívose a lúa, ata que se ergueron sobre os xentís, os seus inimigos. E logo non está escrito no libro do Xusto? E estivo parado o sol no medio dos ceos durante todo un día, sen bulir para poñerse, 14e non houbo nin antes nin despois un día como aquel no que o Señor escoitase así a voz dun home (pois o Señor loitaba do lado de Israel). 15E Xosué volveu ó campamento —a Guilgal—, e con el todo Israel.
Apreixamento dos reis e conquista das cidades
16Os cinco reis aqueles fuxiron e acocháronse na cova de Maquedah. 17E anunciáronlle a Xosué: —"Deron cos cinco reis, acochados na cova, en Maquedah". 18E dixo Xosué: —"Acarrexade pedras grandes ata a boca da cova, e poñede onda ela homes que os vixíen. 19En canto a vós, non esteades quedos: correde tras dos vosos inimigos e mallade neles; non os deixedes meter nas súas cidades, pois o Señor, o voso Deus, volos puxo nas vosas mans".
20E resultou que, cando Xosué e mais os fillos de Israel estaban rematando de lles faceren un grande estrago, ata a totalidade deles, os fuxitivos entraron nas cidades de defensa. 21Todo o pobo volveu en paz ó campamento, onda Xosué, a Maquedah; e ninguén moveu a súa lingua contra os fillos de Israel.
22Daquela dixo Xosué: —"Abride a boca da cova, e sacádeme para acó a eses cinco reis". 23E fixérono así: sacaron aqueles cinco reis da cova —o rei de Xerusalén, o rei de Hebrón, o rei de Iarmut, o rei de Láquix e o rei de Eglón—, 24e, en levándolle aqueles reis a Xosué, chamou Xosué a todos os homes de Israel, e díxolles ós xefes dos guerreiros que ían con el: —"Achegádevos e poñede os vosos pés enriba das gorxas destes reis". E achegáronse e puxeron os seus pés sobre as gorxas deles.
25E díxolles Xosué: —"Non teñades medo nin vos acovardedes: sede rexos e valorosos, pois así fará o Señor con todos os vosos inimigos que loiten contra vós". 26Despois disto, golpeounos Xosué ata facelos morrer, e colgounos de cinco árbores, e estiveron pendendo delas ata o serán. 27Ao se poñer o sol, mandou Xosué que os baixasen das árbores e os botasen na cova onde se acocharan. E puxeron pedras grandes na boca da cova, que quedaron ata o mesmo día de hoxe.
28E a Maquedah tomouna Xosué aquel día, e pasouna polo gume da espada, xunto co seu rei: destruíunos a eles e mais a todo ser vivo que había nela; non deixou nin rastro e fixo co rei de Maquedah o mesmo que fixera co rei de Xericó.
29E pasou Xosué, e todo Israel con el, de Maquedah a Libnah, e loitaron contra Libnah. 30E púxoa tamén o Señor nas mans de Israel, xunto co seu rei, e pasouna polo gume da espada, con todo ser vivo que había nela: non deixou nin rastro; e fixo co seu rei como fixera co rei de Xericó.
31E pasou Xosué —e todo Israel con el—, de Libnah a Láquix. Acampou enfronte dela, e loitou contra ela. 32E puxo o Señor a Láquix nas mans de Israel; tomouna o segundo día, e pasouna polo gume da espada, con todo ser vivo que había nela: todo do mesmo xeito que con Libnah.
33Entón subiu Horam, rei de Guézer, en axuda de Láquix, e bateuno Xosué, a el e mais ó seu pobo, sen deixar rastro del.
34E pasou Xosué —e todo Israel con el— de Láquix a Eglón, e acamparon enfronte de Eglón e loitaron contra ela. 35E tomárona naquel día, e pasárona polo gume da espada; e a todo ser vivo que había nela aquel día, exterminárono: todo do mesmo xeito que con Láquix.
36E subiu Xosué —e todo Israel con el— de Eglón a Hebrón, e loitaron contra ela. 37Tomárona, e pasárona polo gume da espada, tanto ó seu rei como a toda a cidade e mais a todo ser vivo que había nela. Non deixou nin rastro, todo como fixera con Eglón: exterminouna a ela e a todo ser vivo que había nela.
38E volveu Xosué —e todo Israel con el— a Debir, e loitou contra ela. 39E tomouna (ó seu rei e a toda a cidade), e pasounos polo gume da espada, e exterminou a todo ser vivo que había nela. Non deixou nin rastro. Como fixera con Hebrón, así fixo con Debir e co seu rei (o mesmo que fixera con Libnah e co seu rei).
40Conquistou así Xosué todo o país: a montaña, o Négueb, a Xefelah e mais as vertentes. De todos os seus reis non deixou nin rastro, e exterminou todo ser vivo, tal como mandara o Señor, Deus de Israel. 41Xosué arrasou desde Cadex—Barnea ata Gaza; e todo o país de Goxén ata Gabaón. 42Venceu Xosué dunha batida a todos aqueles reis, porque o Señor, Deus de Israel, loitaba do lado de Israel. 43E tornou Xosué e todo Israel con el ó campamento, a Guilgal.
Currently Selected:
Xosué 10: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT