YouVersion Logo
Search Icon

Xosué 7

7
Violación do exterminio
1Pero os fillos de Israel foron desleais no tocante ao exterminio, por colleren del Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá. Entón prendeu a ira do Señor contra os fillos de Israel.
Primeiro ataque a Ai e desfeita de Israel
2Xosué enviou homes desde Xericó a Ai —que está a carón de Bet—Aven, ó oriente de Betel—, dicíndolles: —"Subide e ollade a zona". Foron os homes e recoñeceron a vila. 3E volveron onda Xosué, e dixéronlle: —"Que non suba todo o pobo; que suban dous ou tres mil homes, e baterán a Ai; non canses a todo o pobo facéndoo ir aló, pois eles son poucos. 4Entón subiron uns tres mil de entre o pobo, e fuxiron diante dos homes de Ai. 5E os homes de Ai matáronlles uns trinta e seis e perseguíronos desde diante da porta ata Xebarim, baténdoos na baixada. Daquela, disolveuse o corazón do pobo, e fíxose coma auga.
6Xosué rachou as súas vestiduras e prostrouse co rostro por terra ata o serán diante da Arca do Señor, el e mais os anciáns de Israel; e botaron po nas súas cabezas. 7E dixo Xosué: —"Ah, meu Señor Iavé!: Por que fixeches pasar o Xordán a este pobo, para poñéresnos nas mans dos amorreos e acabar connosco? Oxalá tivésemos quedado na outra banda do Xordán! 8Meu Señor! E que hei de dicir, despois de que Israel volveu o lombo diante dos seus inimigos? 9Oirano os cananeos e todos os veciños do país, e estreitarán o cerco contra nós e borrarán da terra o noso nome. E que farás ti do teu grande nome?"
10E dixo o Señor a Xosué: —"Érguete! Por que fas iso: abatéreste sobre o teu rostro? 11Pecou Israel, fenderon o meu pacto, o que lles encomendara; botaron man do consagrado, roubándoo e acochándoo, e poñéndoo despois cos seus arreos. 12Por iso os fillos de Israel non poderán levantar cabeza diante dos seus inimigos; volveranlles o lombo, pois fixéronse obxecto do exterminio. Non continuarei estando convosco, se non quitades do medio de vós o consagrado. 13Ti érguete, purifica o pobo, e dilles: Mantédevos puros para mañá, pois así di o Señor, Deus de Israel: Non poderás estar rexo fronte ós teus inimigos, ata que non fagades desaparecer o consagrado do medio de vós. 14Achegarédesvos na mañá, por tribos; e a tribo que de nós sinale o Señor, virá por familias; e a familia que escolla o Señor, comparecerá por casas; e a casa que de entre nós sinale o Señor, acudirá por varóns. 15E aquel que fose pillado co consagrado será queimado na fogueira —el e todo o que lle pertence—, pois rompeu a Alianza do Señor e fixo unha ruindade en Israel".
A ruindade de Acán
16Xosué ergueuse pola mañanciña, e mandou comparecer a Israel, segundo as súas tribos; e foi designada a tribo de Xudá. 17E fixo acudir as familias de Xudá, e escolleu a familia do Zarhí; e fixo achegarse a familia do Zarhí por casas, e foi escollida a casa de Zabdí; 18e fixo comparecer a súa casa por varóns, e foi sinalado Acán, fillo de Carmí, fillo de Zabdí, fillo de Zérah, da tribo de Xudá. 19E díxolle Xosué a Acán: —"Anda, filliño, dá gloria e loanza ó Señor, Deus de Israel, e cóntame o que fixeches, sen me ocultares cousa". 20Respondeu Acán a Xosué: —"De certo, pequei contra o Señor, Deus de Israel, e fixen isto e mais isto: 21vin nos despoxos un bo manto de Xinar, douscentos siclos de prata e mais un lingote de ouro de cincuenta siclos de peso. Cobiceinos e collinos. Están agachados en terra, no medio da miña tenda, cos cartos por debaixo". 22E enviou Xosué mandadeiros, que correron en dirección á tenda; e velaquí que estaba todo acochado na súa tenda, cos cartos por debaixo. 23Colléronos do medio da tenda, e leváronllelos a Xosué e a todos os fillos de Israel, e puxéronos no chan, diante do Señor.
Castigo de Acán
24E colleu Xosué a Acán, fillo de Zérah, cos seus cartos, o manto, o lingote de ouro, seus fillos e fillas, o seu asno, o seu gando, a súa tenda e todo o que tiña en presenza de todo Israel, e leváronos ó Val de Acor. 25E dixo Xosué: "Como nos angustiaches dese xeito? Pois que o Señor te desgracie hoxe a ti!" E todos os israelitas apedrárono, e queimáronos na fogueira, e amorearon pedras enriba deles, 26e fixeron alí un monte grande de pedras, que permaneceu ata o día de hoxe. E depuxo o Señor a súa ira. Por iso chaman a aquel sitio aínda hoxe o Val de Acor.

Currently Selected:

Xosué 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in