Xosué 6
6
A conquista de Xericó
1As portas de Xericó estaban ben pechadas e atrancadas por mor dos fillos de Israel: ninguén saía nin entraba.
2E o Señor dixo a Xosué: —"Mira que poño nas túas mans a Xericó, o seu rei e mais os seus defensores. 3Vós, todos os guerreiros, circundaredes a vila unha vez, dándolle un rodeo. E faredes así durante seis días. 4Sete sacerdotes levarán sete trompetas de corno de carneiro, diante da Arca. O sétimo día circundaredes a vila sete veces, e os sacerdotes tocarán as trompetas. 5E, cando soe o corno de carneiro, en escoitando vós o son da trompeta, bruará todo o pobo con grande berro. Entón virase abaixo o muro da vila, e subirá a eito todo o pobo". 6Xosué, fillo de Nun, chamou polos sacerdotes e díxolles: —"Traede a Arca da Alianza e que sete sacerdotes leven sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor". 7Logo díxolle ó pobo: —"Ide alá e circundade a vila e que os guerreiros pasen diante da Arca do Señor".
8Logo que Xosué falou ó pobo, os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro pasaron diante do Señor e sopraron nas trompetas e a Arca da Alianza do Señor ía detrás deles. 9Os homes da vangarda ían diante dos sacerdotes que sopraban nas trompetas, namentres que a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas.
10Xosué deulle ó pobo esta orde: —"Non berredes nin deixedes oír a vosa voz, nin saia sequera unha palabra da vosa boca, ata o día que vos diga bruade. Daquela, berraredes". 11Fixo entón que a Arca da Alianza circundase a vila, dándolle o rodeo unha vez; despois, volveron para o campamento, e pasaron a noite alí.
12Xosué ergueuse de mañanciña e os sacerdotes colleron a Arca do Señor. 13Os sete sacerdotes que levaban sete trompetas de carneiro diante da Arca do Señor ían camiñando ó mesmo tempo que sopraban nas trompetas. A vangarda ía diante deles, e a retagarda ía detrás da Arca do Señor; e camiñábase ó son das trompetas. 14E no segundo día tamén rodearon a vila unha vez, e volveron logo ó campamento. Así fixeron durante seis días. 15No día sétimo erguéronse moi de mañanciña e rodearon a vila do mesmo xeito, sete veces. Só nese día circundaron a vila sete veces. 16O sétimo rodeo sopraron os sacerdotes nas trompetas; e dixo Xosué ó pobo: —"Bruade, pois o Señor entrégavos a vila. 17Facede exterminio dela e de canto haxa nela, para o Señor: tan só seguirán con vida Rahab —a prostituta—, e todo o que estea con ela na casa, pois acochou os mandadeiros que enviaramos. 18Soamente vos digo: gardádevos ben de quedar con algo do consagrado ao exterminio, non sexa que, por cobiza, collades del porque traeriades a desgraza ao campamento de Israel. 19Todo o que sexa prata, ouro ou vasos de bronce ou de ferro será consagrado ó Señor, e pasará ó tesouro do Señor".
20Bruou o pobo, e sopraron nas trompetas; e, cando oíu a xente o soar da trompeta, deu o pobo un grande berro e derrubáronse os muros; subiu a eito o pobo á vila, e ocupárona. 21E destruíron todo o que había na vila: homes e mulleres, mozos e vellos, bois, ovellas e asnos, co gume da espada.
O respecto do xuramento feito a Rahab
22Pero Xosué xa lles encomendara ós dous que foran pescudar o país: —"Entrade na casa da rameira, e sacade de alí á muller e a todo o que teña con ela, segundo lle xurastes". 23Foron os mozos espías, e sacaron a Rahab, a seu pai e súa nai, a seus irmáns, e a todo o que tiña ela: sacaron toda a súa parentela, e puxéronos fóra do campamento de Israel. 24Entón prendéronlle lume á vila, con todo o que había nela, fóra da prata, ouro e vasos de bronce e de ferro, que os puxeron no tesouro da casa do Señor. 25En troques, deixou Xosué con vida a Rahab —a prostituta— xunto coa casa de seu pai e mais con todo o que tiña con ela; e residiu no medio de Israel ata o día de hoxe, pois acochou os mandadeiros que enviara Xosué para pescudar Xericó.
Maldición para quen reedifique Xericó
26Daquela, botou Xosué este xuramento:
—"Sexa maldito diante do Señor
quenquera que se poña a edificar
esta vila de Xericó:
comezará a edificala sobre o seu primoxénito,
e sobre o fillo máis novo colocará as súas portas".
27O Señor estivo con Xosué e a súa sona espallouse por todo o país.
Currently Selected:
Xosué 6: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT