Xosué 18
18
A sorte das outras tribos
1E toda a asemblea dos fillos de Israel congregouse en Xiloh, e estableceu alí a Tenda do Encontro; e o país quedoulles sometido. 2Pero quedaban aínda sete tribos de entre os fillos de Israel sen recibiren a súa partilla. 3E dixo Xosué ós fillos de Israel:
—"Ata cando continuaredes sendo lacazáns para pasar a herdar a terra que vos deu o Señor, Deus de vosos pais? 4Escollede de entre vós tres homes por tribo. Eu enviareinos, e eles ergueranse e irán polo país, e tomarán nota del no tocante á vosa herdanza, e volverán despois onda min. 5Eles dividirán o país en sete partes. Xudá quedará co seu territorio ó sur; e a casa de Xosé quedará co seu territorio ó norte. 6E vós faredes a descrición do país en sete lotes, e traerédesma a min, e eu sinalareivos as porcións aquí, diante do Señor, o noso Deus, 7porque os levitas non teñen parte ningunha entre vós —pois a súa parte é o sacerdocio do Señor—, e Gad e Rubén e mais a media tribo de Menaxés colleron os seus eidos na outra banda do Xordán, ó oriente, e déullela a eles Moisés, o servo do Señor".
8Erguéronse os homes, e emprenderon camiño. E Xosué mandáralles describir a terra, dicindo:
—"Ide, e percorrede a terra, e describídea: logo tornade onda min, e aquí escolmarei os lotes para vós, diante do Señor, en Xiloh".
9E foron os homes e percorreron o país, e describírono no libro por cidades, en sete partes; e tornaron onda Xosué ó campamento, en Xiloh. 10E Xosué partillou lotes para eles, en Xiloh, diante do Señor, e repartiu alí Xosué o país para os fillos de Israel, de acordo coas súas divisións.
A partilla de Benxamín
11E saíu o lote da tribo dos fillos de Benxamín, segundo as súas familias, e tocoulle o lindeiro da parte deles entre os fillos de Xudá e os fillos de Xosé. 12E saía o seu lindeiro norte desde o Xordán, continuaba pola montaña ó oeste, e saía ó deserto de Bet—Aven. 13Despois ía cara a Luz, e pasaba a carón de Luz, polo sur da cidade (de Betel), e baixaba a Atarot—Adar, na montaña que está ó sur de Bet—Horón de Abaixo. 14O lindeiro ía para adiante e volvía á beira do mar polo Sur, desde a montaña que está enfronte a Bet—Horón polo sur, e saía a Quiriat—Baal (que é Quiriat—Iearim, cidade dos fillos de Xudá), no tocante ó cuadrante occidental. 15En canto ó cuadrante sur, partía do remate de Quiriat—Iearim, e ía cara ó oeste, saíndo ás fontes das augas de Neftóah. 16Baixaba ata o remate da montaña que está enfronte do Val de Ben—Hinnom (ó norte do Val dos Refaím), ía polo val de Hinnom —a carón dos iebuseos, polo sur—, e baixaba a En—Róguel. 17Continuaba polo norte e saía a En—Xémex; ía dar a Guelilot —que está enfronte da subida de Adumín—, e baixaba á Rocha de Bohán, fillo de Rubén. 18Despois pasaba á outra banda —a da Arabah—, polo norte, e baixaba ata a Arabah; 19pasaba a carón de Bet—Hoglah, polo norte, e saía ó norte da lingua do Mar do Sal, ó sur da desembocadura do Xordán (éste é o lindeiro meridional). 20E polo leste lindaba co Xordán.
Esta é a herdanza dos fillos de Benxamín, segundo os seus lindeiros circundantes e segundo as súas familias.
21E correspondéronlle á tribo de Benxamín, segundo as súas familias, as cidades de Xericó, Bet—Hoglah, Émec—Quesis, 22Bet—Arabah, Semaraim, Betel, 23Avim, Parah, Ofrah, 24Quefar—Amonai, Ofni e Gaba: doce cidades coas súas aldeas. 25Gabaón, Ramah, Beerot, 26Mispeh, Quefirah, Mosah, 27Requem, Irpeel, Taralah, 28Selá, Élef, Iebusi —que é Xerusalén—, Guibat e Quiriat: catorce cidades e as súas aldeas.
Esta é a herdanza dos fillos de Benxamín, segundo as súas familias.
Currently Selected:
Xosué 18: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT