Xonás 1
1
A fuxida de Xonás
1Veulle a palabra do Señor a Xonás, fillo de Amitai, nestes termos:
2Érguete e vai a Nínive, a gran cidade, e proclama contra ela oráculos de como subiu á miña presenza a ruindade dos seus habitantes.
3Pero Xonás ergueuse para fuxir a Tárxix lonxe da presenza do Señor. Baixou a Iafa, onde atopou un barco que marchaba para Tárxix. Pagou o billete do barco e colleuno para marchar nel a Tárxix, lonxe da presenza do Señor.
4Entón o Señor lanzou un forte vento contra o mar, e armouse unha grande tempestade de xeito que parecía que ía partir o barco.
5Colleron tal medo os mariñeiros, que cada un lles pedía auxilio a berros ós seus deuses; logo botaron ó mar todos os obxectos que había a bordo, para alixeiraren o barco do seu peso. Mentres tanto, Xonás, que baixara ó fondo do barco, estaba deitado e durmía un sono profundo.
6Entón o capitán chegouse a xunto del e díxolle:
Que che pasa a ti para durmires un sono profundo? Érguete e pídelle auxilio a berros ó teu Deus. Quizais ese Deus se preocupe de nós e non perezamos.
7E dicían entre eles:
Veña! Botemos as sortes, para podermos coñecer por causa de quen nos acontece esta desgraza.
Botaron as sortes e tocoulle a Xonás.
8Entón dixéronlle:
Fai o favor de nos dicir: Por causa de quen nos vén esta desgraza? Cal é a túa misión? De onde vés? Cal é o teu país? De que pobo es ti?
9Respondeulles el:
Son hebreo e adoro a Iavé, o Deus do ceo, que fixo o mar e mais a terra firme.
10Cheos de temor sagrado, os homes aqueles dixéronlle:
Que é o que fixeches?
Pois dábanse de conta de que fuxía da presenza de Iavé (pois xa llelo dixera).
11Preguntáronlle:
Que faremos contigo para que o mar deixe de estar contra nós?
Pois o mar seguía embravecéndose.
12Respondeulles:
Collédeme en peso e botádeme ó mar, pois eu ben sei que é culpa miña esta grande tempestade que está contra vós.
13Entón os homes aqueles remaban para volver á terra firme, pero non eran capaces, xa que o mar seguía embravecéndoselles cada vez máis.
14Pero invocaron a Iavé con esta súplica: Ai, Señor, que non perezamos por culpa dos planos deste home. Non nos fagas responsables de sangue inocente, pois ti obras tal como queres.
15Levantaron en peso a Xonás, botárono ó mar, e o mar aplacou o seu embravecemento.
16Entón os homes sentiron un grande respecto polo Señor, fixéronlle un sacrificio e ofrecéronlle votos.
Currently Selected:
Xonás 1: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT