Xoel 4
4
Tempo de xuízo contra as nacións
1Si, velaí: naqueles días e naquel intre
cando eu cambie a sorte de Xudá e Xerusalén,
2xuntarei a todas as nacións
e fareinas baixar ó val de Ioxafat
e unha vez alí, entaboarei xuízos cos pobos,
por mor do meu pobo e da miña herdanza, Israel,
a quen eles dispersaron entre as nacións.
Repartiron o meu país,
3e sortearon o meu pobo,
trocando un rapaz por unha prostituta,
vendendo unha rapaza por viño para se emborrachar.
4E que é o que tiñades en contra miña, Tiro e Sidón,
e todas as provincias da Filistea?
Quixestes levar a cabo un desquite contra min?
Quixestes vós facerme algo?
Pois ben, dun golpe rápido farei volver
os vosos feitos sobre as vosas cabezas.
5Xa que me roubastes o meu ouro e a miña prata,
e levastes para os vosos templos
os meus tesouros preciosos.
6Xa que ós fillos de Xudá e ós fillos de Xerusalén
os vendestes ós da Xonia,
para os afastar da súa terra:
7vede: eu vounos arrincar do lugar
onde vós os vendestes,
e farei volver os vosos feitos
sobre as vosas cabezas.
8Os vosos fillos e mais as vosas fillas
vóullelos vender ós fillos de Xudá,
que llelos venderán ós xabeos, un pobo remoto.
Si, díxoo o Señor.
A guerra santa do día do Señor
9Comunicade este pregón entre os pobos:
—Declarade a guerra santa,
poñede en pé de guerra os soldados,
que se xunten e suban
todos os homes de guerra.
10Batede na zafra as rellas dos vosos arados,
para convertelas en espadas,
e as vosas podas
para convertelas en lanzas,
que o medroso diga: "Eu son un soldado valente".
11Dádevos présa, saíde, todas as nacións de arredor,
e xuntádevos alí:
Señor, fai baixar os teus valentes.
12Espertade e subide, nacións, ó val de Ioxafat
xa que alí vou sentar para xulgar a todos os pobos veciños.
13Botade a fouce, que o gran xa está maduro;
vinde e pisade, que a moxega xa está chea.
Facede rebordar as cubas, que é grande a súa ruindade.
14Xentíos e xentíos no val da sentencia!
Si, está preto o día do Señor,
no val da sentencia.
15O sol e mais a lúa escurecen
esmorece o resplandor das estrelas.
16O Señor brama desde Sión,
El lanza o seu berro desde Xerusalén:
tremen o ceo e mais a terra.
Pero El será refuxio para o seu pobo,
e fortaleza para os fillos de Israel:
17así recoñeceredes que eu son o Señor, o voso Deus,
que habita en Sión, o monte de meu santuario,
e será Xerusalén un santuario,
por onde non volverán a pasar estranxeiros.
Conclusión: bendicións divinas para Xudá e Xerusalén, e desolación para as nacións inimigas
18E sucederá no día aquel:
os montes zumegarán mosto e os outeiros deitarán leite;
todos os corgos de Xudá deixarán correr a auga;
unha fonte sairá da casa do Señor,
e verterá a súa auga no río das Mimosas.
19Exipto volverase unha desolación,
Edom volverase un ermo asolado,
a causa da opresión contra os fillos de Xudá,
por verteren sangue inocente no país.
20Xudá estará habitada para sempre,
e Xerusalén por xeracións e xeracións.
21Vingareime do sangue daqueles, certo que o farei,
si, eu o Señor, que habita en Sión.
Currently Selected:
Xoel 4: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT