Xob 9
9
Xob (9-10)
1Respondeu Xob:
2—"Abofé, ben sei que é así;
pois que dereito podería ter un home ante Deus?
3Se se puxese a preitear con El,
non lle sabería responder unha cousa entre mil.
4Deus é de sabio entender e moi potente,
quen, tras facerlle fronte, lle vai ficar parello?
5El é quen abala os montes sen que se dean conta,
pois conmóveos na súa carraxe;
6quen remexe a terra no seu alicerce,
e as súas columnas abanean.
7Dálle unha orde ó sol, e xa non sae;
encerra as estrelas baixo selo.
8El só tende os ceos
e camiña polo lombo do mar.
9Fixo a Osa e o Orión
as Pléiades e as Cámaras do Sur.
10El fai cousas egrexias insondables,
e milagres a non contar.
11Se viñese onda min, non o vería;
se pasase ó meu carón, non me decataría.
12Cando El repaña, quen llo fai tornar?
Quen lle vai dicir: Para que fas isto?.
13Deus non ten ninguén por quen reter a súa ira.
Debaixo del humíllanse os axudantes de Rahab.
14Pero quen son eu para lle dar resposta
e para escoller contra El as miñas razóns?
15Aínda que estivese eu no certo, non se dignaría responder:
Sería rogarllo ó meu acusador!
16E se o citase a preito e respondese,
non creo que escoitase os meus laios.
17Asaltaríame coa treboada;
amorearía sen motivo as miñas feridas;
18Non me soltaría nin para coller folgos,
enchería a miña alma de amargura.
19Se é cousa de poder: El é o máis forte!
Se é cuestión dun xuízo: quen o chama a dar testemuño?
20Pois aínda que eu fose inocente, habíame condenar a súa boca;
aínda que eu apareza coma honrado, habíame considerar perverso.
21Son inocente! Que me importa xa da miña vida?
A mesma existencia dáme noxo.
22Que máis me ten! E por iso, eu afirmo:
El destrúe do mesmo xeito ó inocente e ó culpable.
23Cando unha desfeita súbita sementa mortes,
búrlase El das mágoas dos coitados.
24Deixa o país na man dos opresores,
encobre o rostro dos xuíces.
Se non é El, entón quen é?
25Os meus días correron máis ca un mensaxeiro
fuxiron de min sen probar a boa vida.
26Esvararon coma gamelas de papiro,
coma se lanza a aguia sobre a presa.
27Se penso: Vou esquecer a miña teima,
vou pór boa cara e animarme,
28Amedóñanme tantas desfeitas;
ben sei eu que non me declaras inocente.
29E se fose culpable
para que cansarme en balde?
30Se me lavase con auga de xabón
e limpase con lixivia as miñas mans,
31debozaríasme na lama
e daríame noxo o meu vestido.
32Pois non é el un home coma min para dicirlle:
Imos xuntos a xuízo;
33non existe un árbitro entre nós,
que pouse a súa man sobre entrambos.
34Que aparte de min a súa aguillada
e que o seu terror non me atenace!
35Daquela falareille sen medo,
pois non é recto o que fai comigo.
Dereitos reservados: SEPT