Skip to content

Xob 7

7
1O home ten na terra unha duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
2Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou:
3Así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
4Penso para min ó deitarme: cando me hei erguer?
e desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
5Vestiuse a miña carne de vermes, dunha cotra de terra;
a miña pel regaña e supura.
6Os meus días correron máis axiña cá lanzadeira de tecer
e foxen sen esperanza.
7Recorda ben que a miña vida é vento,
e que o meu ollo non verá máis a ledicia!
8Pois non me dará visto un ollo humano,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
9Coma unha nube que se desfai e pasa,
así non sobe o que baixa para o Xeol.
10Non volverá de novo ós seus eidos
e o seu lar non saberá máis del.
11Non hei, por iso, de pórlle freo á boca,
e falarei con ánimo angustiado;
voume laiar desde o amargor da alma:
12Son eu o mar ou o dragón mariño
para que poñas vixía contra min?
13Cando penso: vaime aliviar o leito,
a miña cama amainará o meu choro,
14vés ti e arrepíasme cos soños,
espántasme con visións de pesadelo;
15tal que case escollera eu morrer aforcado
e prefiren a morte os meus ósos.
16Xa estou canso! Non vou vivir para sempre:
Déixame xa, que son un sopro os meus días!
17Que é o home para que tanto o consideres,
para que del así te ocupes,
18para que o poñas á proba cada mañá,
para estares controlándoo a cada intre?
19Cando vas tirar a vista de riba de min
e me deixarás sequera tragar o cuspe?
20Se por caso pequei, que é o que che fixen a ti, Garda—homes?
Para que me apuntas coma un branco?
Por que son para ti unha carga?
21Por que non perdoas a miña culpa
e deixas pasar o meu pecado?
Entón podería deitarme no po
e por máis que me procurases, xa non existiría".