Skip to content

Xob 6

6
Xob (6-7)
1Resposta de Xob:
2—"Oxalá que se pesase a miña dor
e se amoreasen as miñas mágoas na balanza!
3Pesarían máis cás areas dos mares:
por iso desvaría a miña lingua.
4Pois levo en min as frechas do Poderoso
e o meu ánimo bebe o seu veleno.
Érguense contra min os terrores de Deus.
5Ponse o burro a ornear cando ten herba?
Ou brúa o boi diante do seu penso?
6Quen xantará sen sal o manxar insulso?
E que gusto ten o zume dunha herba?
7Repúgnalle á miña gorxa nin sequera tocala
pois é para min coma un xantar impuro.
8Oh se chegase a porto a miña demanda
e o Señor concedese aquilo no que espero!
9Decídase por fin Deus a esnaquizarme,
retire a man e tronce xa o meu fío!
10Iso sería para min un consolo;
reloucaría ledo a pesar desta dor sen piedade,
pois non tería eu renegado das palabras do Santo.
11Que forzas teño xa para me soster?
Cal será o meu remate, para eu ter folgos?
12Teño por caso a dureza dos penedos?
Son de bronce as miñas carnes?
13Nada hai en min que me poida axudar
cando é a mesma sorte a que me foxe.
14Un home non lle nega a boa lei ó seu amigo
nin refuga o temor do Omnipotente!
15Mais os meus irmáns traizoáronme coma a enxurrada,
coma os regueiros cando rebordan a canle,
16baixando revoltos coa xeada
cando neles se fundiu a neve;
17pero que desaparecen no tempo da seca,
e en canto chega a calor, enxoito queda o seu leito.
18Torcen as caravanas a súa rota,
pérdense no deserto e perecen;
19As caravanas de Temán procúranos,
contan con eles os beduínos de Sabá;
20confundidos pola longa espera
chegan alí, e atópanse enganados.
21Deste xeito fostes vós para min,
ollastes o espanto e deuvos medo.
22Pedinvos eu que me deades nada
ou que paguedes suborno do voso peculio,
23ou que me libredes do meu inimigo,
ou me rescatedes da forza dos tiranos?
24Ensinádeme vós, e eu calarei!
Aclarádeme no que ande errado!
25Como non aceptar un discurso sincero?
Pero que valor pode ter unha corrección da vosa boca?
26Estades aparellando verbas para aldraxar?
Non contan as razóns dun home sen esperanza?
27Vós sodes capaces de botar sortes por un orfo
e mesmo de relear por un veciño!
28Agora estade quedos e escoitádeme:
Xuro que non vos estou mentindo na cara!
29Deixade a teima, non suceda outra desgraza!
Abonda xa, que aínda está en xogo o meu dereito!
30Hai mala lei na miña lingua?
Non distingue as razóns o meu padal?