Xob 4
4
CICLO DA PRIMEIRA DISPUTA (4-14)
Elifaz (4-5)
1Respondeu Elifaz o temanita:
2—"Se un se atreve a falarche, aturaríalo?
Mais quen pode xa frear as palabras!
3Velaí, ti que ensinaches a moitos
e reforzaches tantos brazos febles,
4que erguiches coas túas palabras ós caídos,
e sostiñas os xeonllos que amolecían,
5cando che chega a ti, xa non o sofres;
tócache a ti, e túrbaste.
6Non é entón a piedade a túa fianza
e a túa esperanza o teu vivir honrado?
7Fai memoria: quen sendo inocente morreu?
Onde se viu que perecesen os xustos?
8O que eu vexo é que os que labran malicias
e os que sementan coitas, tamén as collen:
9co sopro de Deus logo esmorecen,
coa treboada da súa ira consómense.
10Urra o león e brada a cría,
os dentes dos cachorros son quebrados.
11Morre o león sen atopar presa
e esparéxense as crías da leoa.
12Chegoume ás agachadas unha verba,
percibiu o meu oído o seu murmurio,
13nun pesadelo, nas visións noitébregas,
cando cae o sopor sobre os homes.
14Achegáronseme o pavor e o temor,
treméronme de medo os ósos todos.
15Un espírito pasou diante de min;
arrepiáronseme na pel os pelos.
16Estaba alí —eu non o coñecía—
unha figura diante dos meus ollos;
fíxose a calma; entón oín a voz:
17Terá un home máis razón ca Deus?
Será máis puro o humano ca quen o fixo?
18Se aínda dos seus servos El non fía
e atopa erros mesmo nos seus anxos,
19canto máis nos que moran en casopas de lama
e que teñen no po os seus fundamentos,
que se poden esmagar coma a traza!
20Entre a mañá e a noite esmáganos,
morren para sempre sen se decataren;
21Arríncanlles tamén as cordas da tenda;
perecen sen saberen como!
Dereitos reservados: SEPT