Xob 3
3
A DISPUTA COS AMIGOS (3-27; 29-31)
Maldición do nacemento
1Tras estes feitos abriu Xob a boca, maldicindo o seu día, 2deste xeito:
3—"Pereza o día en que nacín
e a noite que dixo: concibiuse un varón!
4Que aquel día se troque en tebra!
Non leve conta del Deus desde enriba
nin lle resplandeza a luz da alborada!
5Que o reclamen para si sombras de morte,
que pouse enriba del o nubeiro
e que o enchan de medo coas eclipses!
6Que a noite aquela a leve a escuridade,
e non a sumen nos días do ano,
nin entre na conta dos meses!
7Que unha tal noite fique estéril!
Non haxa nela canto de ledicia!
8Que a reneguen os que maldín o mar
e os prácticos en esconxurar o Leviatán!
9Que se lle enfusquen os luceiros do amencer,
que agarde polo sol e non lle saia,
e que non vexa as pálpebras do abrente!
10Pois non pechou as portas do ventre
nin dos meus ollos afastou a coita.
Nacer morto
11Por que non morrín eu fóra do seo,
ó saír do útero non expirei?
12Por que me atoparon uns xeonllos
e por que houbo peitos dos que mamase?
13Pois agora durmindo descansaría
e no meu sono xa tería acougo,
14xunto cos reis e ministros do país
que se constrúen mausoleos
15ou cos príncipes que recadan ouro,
e encheron de prata os seus pazos.
16Ou ben xa coma o aborto non vivise,
coma os meniños que non ollan a luz.
17Alí remata o rebulir dos impíos
e repousan tamén os esgotados.
18Xunto con eles os encadeados cobran folgos,
xa non senten os berros do capataz.
19O pequeno e o grande alí son un,
e o escravo fica ceibe do seu dono.
O cerco de Deus
20Por que lle deron ó coitado a luz
e a vida ó corazón amargado,
21ós que arelan a morte e non lles vén,
que sachan por ela coma por un tesouro;
22ós que se alegran coa cova
e reloucan ó atoparen unha tumba;
23ó home a quen lle choen o vieiro
e arredor del é Deus quen fai o valo?
24Pois en vez do meu pan veñen salaios
e os meus saloucos flúen coma auga.
25O que máis eu temía veume enriba
e o que máis me angustiaba, iso atopoume.
26Non teño xa sosego nin acougo;
non teño paz; asoballoume o asaño!"
Dereitos reservados: SEPT