Skip to content

Xob 23

23
Xob
1Respondeu Xob:
2—"Tamén hoxe é rebelde a miña queixa
pois a súa man fai pesado o meu xemido.
3Oxalá soubese eu como o encontrar!
Habíame achegar ata o seu trono,
4para expor a miña causa diante del
levando a boca chea de argumentos;
5coñecería con que razóns responde,
sabería o que me ten que dicir.
6Levaría El adiante o preito pola forza?
Non!, que me había de ter en conta.
7Pois daquela sería un home honrado quen contende con El,
gañaría eu de certo a causa para sempre.
8Mais se torno para o leste, non o atopo;
vólvome para o poñente, e non o albisco;
9procúroo no norte, e non o vexo,
vólvome cara ó sur e non o descubro.
10Mais, dado que El coñece o camiño do meu lar,
que me veña probar e hei saír coma o ouro:
11Mantívose o meu pé na súa pegada,
gardei o seu vieiro sen torcerme,
12non me afastei da orde dos seus labios,
no meu seo escondín a súa palabra.
13Pero se El xa decidiu, quen é capaz de o cambiar?
El fai todo canto lle agrada:
14vai levar a cabo o que me decretou;
deste xeito obra sempre.
15Así fico eu diante del, estarrecido,
e cando o penso, cóllolle medo.
16Tal Deus amoléceme o ánimo
túrbame o Omnipotente.
17Pero non hei calar diante da escuridade,
por máis que estea só e que me encubran as tebras.