Xob 22
22
CICLO TERCEIRO DA DISPUTA (22-27)
Elifaz
1Elifaz de Temán empezou a resposta:
2—"Vai poder un home beneficiar a Deus?
Non! Só de si mesmo tira proveito o sabio.
3Que vantaxe tira Deus de que ti sexas xusto?
Que gaña con que ti te portes ben?
4Iate el probar pola túa piedade,
levarte a preito por iso?
5Non é máis ben enorme a túa maldade
e incontables as túas culpas?
6Pois sen razón demandábaslles peñores ós teus irmáns
e mesmo ós farrapentos lles arrincabas os vestidos.
7Non dabas a beber auga ó sedento,
e ó famento negábaslle o pan:
8A terra é para os forzudos,
quen recada honor, que viva nela!
9As viúvas botáchelas fóra baleiras,
e arruinaches os brazos dos orfos.
10Por iso rodéanche as trampas,
e o medo súbito asáltate,
11ou escurece e xa non podes ver
e alágate o pulo da enxurrada.
12Non se alza Deus tanto coma o ceo?
e olla para estrela do cénit, que é tan alta!
13E, con todo, ti pensas: Que sabe Deus?
Vai gobernar El por entre o nubeiro?
14As nubes son o seu veo, por iso non ve;
El fai a rolda pola órbita do ceo.
15Queres seguir o vieiro antigo
por onde calcaron os inicuos
16que foron arrincados antes de tempo,
cando a riada lles afundiu os alicerces?
17Dicíanlle eles a Deus: Arreda de nós!
Que nos pode valer o Omnipotente!
18E fora El quen lles enchera ben de todo as casas,
pero eles apartábano dos seus plans inicuos.
19Ven isto os xustos e alégranse,
fai burla deles o inocente:
20Abofé que esgotaron os seus haberes
e o que quedaba devoróullelo o lume.
21Ti axusta as contas e ten paz con El
e dese xeito acadarás un bo pasar.
22Ten por bo o ensino dos seus beizos!
Toma a peito as súas palabras!
23Se te volves ó Omnipotente hate sandar.
Afasta da túa tenda a inxustiza!
24Bota o teu ouro polo chan,
o teu ouro de Ofir entre os callaos dos regatos!
25E que sexa o teu ouro o Omnipotente.
El mesmo, as túas moreas de prata.
26Será entón o Omnipotente o teu folgar,
erguerás diante de Deus o teu rostro.
27Cando lle rogues hate escoitar,
e ti cumprirás os teus votos.
28Todo canto decidas hase realizar
e o sol alumará nos teus camiños.
29Pois El rebaixa a arrogancia dos fachendosos
mais axuda ós que humildes baixan os ollos,
30rescata ó home sen chata;
por iso hate librar, se tes limpas as mans".
Dereitos reservados: SEPT