Xeremías 40
40
XEREMÍAS E O POBO NON DEPORTADO DA CIDADE XERUSALÉN
Xeremías decide quedar co pobo
1Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías, despois que Nebuzardán, xefe da garda persoal, o mandou desde Ramah, cando o colleu ó seu cargo, pois el estaba preso con cadeas entre todos os cativos de Xerusalén e de Xudá, que eran levados cativos a Babilonia. 2O xefe da garda persoal colleu a Xeremías ó seu cargo e díxolle:
O Señor, o teu Deus, anunciou este desastre contra este lugar; 3o Señor fíxoo vir e realizouno tal como el predixera; fostes vós os que pecastes contra o Señor e non fixestes caso da súa voz, e por iso sucédenvos estas cousas. 4E agora, eu solto hoxe as cadeas que tes nas túas mans. Se prefires vir comigo a Babilonia, ven, que eu mirarei por ti; se non queres vir comigo á grande Babilonia, velaí todo o país diante de ti: vai onde che pareza que é mellor e máis xusto que vaias. 5Se o noso xeito de vida non che gusta, vólvete xunto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, a quen o rei de Babilonia constituíu gobernador das cidades de Xudá, e vive con el entre o pobo; ou a onde che pareza máis xusto ir, vaite.
E logo de darlle o xefe da garda persoal provisións para o camiño e regalos, despediuse del. 6E Xeremías foi onda Guedalías, fillo de Ahicam, a Mispah, e residiu xunto con el entre o pobo que quedara no país.
Reorganización da comunidade xudía baixo Guedalías en Mispah
7Cando se informaron todos os capitáns das tropas que había no campo xunto cos seus homes de que o rei de Babilonia constituíra gobernador do país a Guedalías, fillo de Ahicam, e de que lle confiara o goberno dos homes, das mulleres, dos meniños e dos máis pobres do país —os que non foran levados cativos a Babilonia—, 8foron onda Guedalías a Mispah: Ismael, fillo de Netanías, Iohanán e Ionatán, fillos de Caréah; Sedacías, fillo de Tanhúmet, os fillos de Ofai o netofaíta, Iezanías, fillo de Macateo, todos eles e mais os seus homes. 9Entón Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, xuroulles a eles e ós seus homes nestes termos:
—Non teñades medo de vos someterdes ós caldeos; vivide neste país someténdovos ó rei de Babilonia, para que vos vaia ben. 10Pois eu, velaquí que teño que vivir en Mispah, para representar o país ante os caldeos que veñan visitarnos; pero vós recollede viño e trigo, e poñédeo nas vosas olas; vivide nas cidades que escollestes.
11Todos os xudeus que estaban en Moab entre os amonitas, en Edom e en todos os países, tamén se informaron de que o rei de Babilonia lle deixara un resto a Xudá, e de que constituíra gobernador deste resto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán.
12Todos os xudeus volveron desde os sitios a onde fuxiran, e viñeron ó país de Xudá, onda Guedalías, a Mispah, e colleitaron viño e trigo en moita cantidade.
Atentado de Ismael contra Guedalías, apoiado polos moabitas
13Iohanán, fillo de Caréah, e todos os xefes das tropas que había no campo, viñeron onda Guedalías en Mispah, 14e dixéronlle:
—Acaso ti non sabes que o rei dos amonitas, Balís, mandou a Ismael, fillo do Netanías a que te matase?
Pero Guedalías, fillo de Ahicam, non lles deu creto.
15Entón Iohanán, fillo de Caréah, díxolle en secreto a Guedalías en Mispah:
—Déixame ir, que eu matarei a Ismael, fillo de Netanías; ninguén o saberá. Por que vai matarte e dispersarse todo Xudá, que se xuntou ó teu lado, e por que vai perecer o resto de Xudá?
16Guedalías, fillo de Ahicam, respondeulle a Iohanán, fillo de Caréah:
—Non fagas iso. O que ti me contas de Ismael é mentira.
Currently Selected:
Xeremías 40: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT