Xeremías 19
19
Xeremías, cunha ola na man, vai denunciar o culto idolátrico ó Val de Ben Hinnom
1O Señor falou deste xeito:
—Vai, mércalle unha ola a un oleiro, e toma contigo algún dos vellos do pobo e algún dos vellos sacerdotes. 2Logo saes para o Val de Ben Hinnom, que está onda a porta das Telleiras, e pregoa alí as palabras que eu che direi. 3Dilles: Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá e veciños de Xerusalén! Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
"Velaquí que eu estou a traer contra este lugar unha tal desgraza que a quen a oia retumbaranlle os oídos, 4xa que me abandonaron a min e volveron estraño este lugar, queimando nel sacrificios a deuses alleos, que nin coñeceron eles nin seus pais nin os reis de Xudá, enchendo este lugar de sangue de inocentes. 5Construíron o santuario a Baal para queimar no lume os seus propios fillos en holocausto a Baal, cousa que nin eu lles mandei nin lles dixen nin se me pasou pola cabeza.
6Por isto, velaquí veñen os días —é o Señor quen fala— nos que xa non se chamará este lugar o Tófet nin o Val de Ben Hinnom, senón o Val da Morte.
7Frustrarei neste lugar o plan de Xudá e de Xerusalén, e fareinos caer coa espada diante dos seus inimigos e nas mans dos que axexan a súa vida; dareinos de comida ós paxaros do ceo e ós bechos da terra.
8Converterei esta cidade nunha desolación e nun noxo,
todo o que a atravese quedará pasmado,
sentirá noxo pola aldraxe da súa devastación.
9Si, farei que eles coman a carne dos fillos,
e a carne das fillas,
e cada un comerá a carne do seu compañeiro,
por mor do cerco e da estreiteza
con que os oprimirán os seus inimigos,
e os que buscan a súa morte".
Xeremías rompe a ola: anuncio de castigo para Xerusalén
10Logo esnaquiza a ola na presenza dos homes que te seguen,
11e dilles: así fala o Señor dos Exércitos:
"Deste xeito hei de esnaquizar este pobo e esta cidade, o mesmo que se esnaquiza o cacharro do oleiro, que non se pode recompoñer.
Han enterrar en Tófet por falta de sepultura para enterrar.
12Do mesmo xeito lles hei facer a esta cidade e ós seus veciños, hei facer desta cidade coma un Tófet.
13As casas de Xerusalén e mais os palacios dos reis de Xudá serán coma o Tófet;
inmundas están todas as casas, onde queimaron incenso nas terrazas a toda a milicia celeste,
e onde verteron libacións a deuses alleos".
Xeremías leva unha tunda: anuncio do exilio de Babilonia
14Volveu Xeremías do Tófet, a onde o mandou o Señor a profetizar, e parou no adro do templo do Señor a dicirlle a todo o pobo:
15—Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
"Ollade que eu estou facendo vir contra esta cidade e as súas vilas
toda a calamidade que contra ela anunciei,
porque endureceron as súas testas para non facer caso das miñas palabras".
Currently Selected:
Xeremías 19: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT