YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 9

9
Abimélec, rei
1E foi Abimélec, fillo de Ierubaal, a Xequem, onda os irmáns de súa nai, e faloulles a eles e a toda a casa paterna de súa nai deste xeito: 2—"Dicide, por favor, ós oídos de todos os señores de Xequem: Que vos parece mellor: que manden en vós setenta homes —todos os fillos de Ierubaal—, ou que mande en vós un só home? E lembrádevos de que eu son óso e carne vosa". 3E os irmáns de súa nai contaron todo isto acerca del ós oídos de todos os señores de Xequem; e o corazón deles púxose do lado de Abimélec, pois dixeron "é noso irmán". 4E déronlle setenta siclos de prata do templo de Baal—Berit, e con eles contratou Abimélec a homes miserables e falsos, que foron detrás del.
5E chegou á casa de seu pai —a Ofrah— e matou a seus irmáns, fillos de Ierubaal: setenta homes, sobre a mesma pedra. Pero sobreviviu Iotam, o fillo máis novo de Ierubaal, porque se agachara.
6E xuntáronse todos os señores de Xequem e de Bet—Miló e foron e proclamaron rei a Abimélec onda a aciñeira da estela que hai en Xequem.
A fábula de Iotam
7E informaron a Iotam, e foise poñer no cume do Monte Garizim, e dispuxo a súa voz para falar ben alto. E dixo: —"Escoitádeme, señores de Xequem, e que Deus vos escoite tamén a vós:
8Puxéronse en camiño as árbores
para unxir un rei para elas,
e dixéronlle á oliveira:
reina sobre nós!
9E respondeulles a oliveira:
E hei de renunciar eu ó meu aceite,
co que se honraron deuses e homes,
para me ir abanear polas árbores?
10Dixéronlle entón as árbores á figueira:
ven reinar sobre nós!
11E respondeulles a figueira:
E vou renunciar eu á miña dozura
e ós meus saborosos froitos,
para me ir abanear polas árbores?
12E dixéronlle as árbores á vide:
ven reinar sobre nós!
13E respondeulles a vide:
E hei de renunciar eu ó meu viño,
que fai poñer ledos a deuses e homes,
para me ir abanear polas árbores?
14Daquela dixeron todas as árbores á silveira:
ven reinar sobre nós!
15E díxolles a silveira ás árbores:
se con sinceridade me unxides
para ser o voso rei,
vídevos acubillar á miña sombra;
pero se non é así,
que saia lume da silveira,
que devore ós cedros do Líbano.
16E agora, se procedestes con sinceridade e rectitude para constituír rei a Abimélec; se procedestes ben con Ierubaal e coa súa casa; e se lle recompensastes as obras das súas mans 17(pois meu pai loitou por vós arriscando a propia vida, e librouvos das mans de Madián. 18E vós erguédesvos hoxe contra a casa de meu pai, e matades a seus fillos setenta homes sobre a mesma pedra; e proclamades rei sobre os señores de Xequem a Abimélec, fillo da súa escrava, pois dicides é noso irmán...). 19Pois ben, se procedestes con sinceridade e rectitude verbo de Ierubaal e da súa casa neste día, aledádevos por Abimélec, e que tamén el se alede por vós. 20Pero se non foi así, que saia lume de Abimélec e que devore ós señores de Xequem e de Bet—Miló; e que saia lume dos señores de Xequem e de Bet—Miló, que devore a Abimélec". 21Daquela Iotam botou a correr e fuxiu e foi a Beer, e habitou alí por medo de seu irmán Abimélec.
Gáal e os señores de Xequem contra Abimélec
22E Abimélec levaba xa tres anos reinando sobre Israel, 23cando Deus meteu un espírito ruín entre Abimélec e os señores de Xequem; e os señores de Xequem traizoaron a Abimélec. 24(Para vingar deste xeito a violencia feita nos setenta fillos de Ierubaal, e botar o seu sangue sobre Abimélec, seu irmán, que os matara, e sobre os señores de Xequem, que enforteceran as mans daquel para matar a seus irmáns).
25E os señores de Xequem puxéronlle emboscadas nos cumes dos montes, e saqueaban a cantos pasaban a carón deles polo camiño; e foille notificado a Abimélec.
26E foi Gáal —o fillo de Ébed— e mais seus irmáns, e pasaron por Xequem; e confiaron nel os señores de Xequem. 27E saíron ó campo, e vendimaron as viñas deles, e pisaron as uvas, e fixeron festa; e entraron na casa do seu deus, e comeron e beberon, e renegaron de Abimélec. 28E dixo Gáal, o fillo de Ébed: —"Que hai entre Abimélec e Xequem para que teñamos que servilo? E logo o fillo de Ierubaal e mais Zebul —o seu lugartenente—, non serviron ós homes de Hamor, o pai de Xequem? E por que, entón, temos nós que servilo a el? 29Quen puxera a este pobo nas miñas mans! Daquela botaría de aquí a Abimélec e diríalle: reforza o teu exército e sae!" 30En oíndo Zebul —o gobernador da vila— as palabras de Gáal, o fillo de Ébed, acendeuse a súa ira, 31e enviou mensaxeiros ás agachadas, dicindo: —"Velaquí que Gáal —o fillo de Ébed—, e mais seus irmáns, viñeron a Xequem e soerguen a vila contra ti. 32Agora, pois, érguete de noite coa xente que tes contigo e arma unha emboscada no campo; 33e pola mañá levantádevos á saída do sol, e lanzádevos contra a vila; e velaquí que, cando el e mais a xente que estea con el saian contra ti, farás con el o que che veña á man". 34E ergueuse Abimélec coa xente que tiña con el, pola noite, e dispuxeron unha emboscada de catro corpos armados contra Xequem. 35E saíu Gáal, o fillo de Ébed, e permaneceu á entrada da porta da vila; e xurdiu Abimélec da emboscada coa xente que tiña con el. 36E viu Gáal a xente e dixo a Zebul: —"Velaí a multitude que baixa das cristas dos montes!" E respondeulle Zebul: —"Ti ves as sombras dos montes como se fosen homes!" 37Continuou falando Gáal e dixo: —"Velaí xente baixando do Embigo da Terra, e outro grupo que vén polo camiño da Aciñeira dos Adiviños". 38E díxolle Zebul: —"Onde vai agora a túa boca, coa que dicías quen é Abimélec, para que o sirvamos? Logo non é este o pobo que ti aldraxaches? Dálle, sae agora e loita contra el!"
39E saíu Gáal á fronte dos señores de Xequem e loitou contra Abimélec. 40E abouxouno Abimélec e fuxiu de diante del, e foron moitos os que caeron mortos ata a entrada da porta.
41E habitou Abimélec en Arumah; e Zebul botou fóra a Gáal e a seus irmáns, vedándolles a residencia en Xequem.
42O día seguinte, saíu o pobo ó campo, e notificáronllo a Abimélec. 43E colleu o exército, e dividiuno en tres corpos, e montou unha emboscada no campo; e, ó ver que o pobo saía da vila, arremeteu contra eles e esgazounos. 44E Abimélec e mais o corpo que estaba con el avanzaron e colocáronse á entrada da porta da vila, namentres que os outros dous corpos lanzábanse contra todos os que estaban no campo e esgazábanos.
45E Abimélec estivo loitando contra a vila durante toda a xornada. E conquistouna e matou a xente que había nela; e arrasou a cidade e sementouna de sal.
46E soubérono todos os señores da torre de Xequem, e entraron na fortaleza do templo de El—Berit. 47E foille notificado a Abimélec que se reuniran todos os señores da torre de Xequem. 48E subiu Abimélec ó Monte Salmón, con toda a xente que estaba con el; e colleu Abimélec unha machada na súa man e cortou unha póla de árbore, e, turrando dela, púxoa sobre o seu ombro, e díxolle á xente que estaba con el: —"O que me vistes facer, dádevos présa, e facede outro tanto". 49E cortaron tamén todos eles cadansúa póla, e foron detrás de Abimélec, e colocáronas contra a fortaleza. Con elas prendéronlle lume á fortaleza, e morreron así todos os homes da torre de Xequem (uns mil, entre homes e mulleres).
Morte de Abimélec
50E foi Abimélec a Tebés. E asediou Tebés e conquistouna. 51Pero había un forte no medio da vila e fuxiran cara alí todos os homes e mulleres e todos os señores da vila, e pecháranse dentro, e subiran ata o teito da torre. 52E chegou Abimélec ata o forte, e preparou a loita contra el; e achegouse ata a mesma entrada do forte, para prenderlle lume. 53Daquela unha muller chimpou contra a testa de Abimélec unha pedra de moer e fendeulle o cranio. 54E chamou axiña Abimélec polo mozo que lle facía de escudeiro e díxolle: —"Desenvaíña a túa espada, e mátame, para que non digan de min: matouno unha muller. E traspasouno o escudeiro e morreu".
55E cando viron os israelitas que Abimélec morrera, foron para cadanseu lugar.
56Devolveulle así Deus o mal que fixera Abimélec a seu pai matando a seus setenta irmáns; 57e todo o mal dos homes de Xequem, fíxoo tornar Deus sobre as súas cabezas, vindo así sobre eles a maldición de Iotam, o fillo de Ierubaal.

Currently Selected:

Xuíces 9: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in