YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 10

10
Dous "Xuíces Menores": Tolá e Iair
1E despois de Abimélec ergueuse para salvar a Israel Tolá, fillo de Puah, fillo de Dodó, un home de Isacar; e habitou en Xamir, na serra de Efraím. 2Xulgou a Israel durante vintetrés anos. E morreu e foi sepultado en Xamir.
3Despois del, ergueuse Iair, galaadita, quen xulgou a Israel durante vintedous anos. 4E tiña trinta fillos, que cabalgaban sobre trinta asnos e que eran os donos de trinta cidades, nomeadas ata o día de hoxe Havot—Iair, na terra de Galaad. 5E morreu Iair e foi sepultado en Camón.
Máis infidelidades e opresión dos amonitas
6E volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor e serviron ós baales e ás axtartés e ós deuses de Siria, ós deuses de Sidón, ós deuses de Moab, ós deuses dos fillos de Amón, e ós deuses dos filisteos; e abandonaron ó Señor e xa non o serviron.
7E acendeuse a ira do Señor contra Israel e entregounos nas mans dos filisteos e nas mans dos fillos de Amón, 8que atribularon e oprimiron durante dezaoito anos a todos os fillos de Israel da outra banda do Xordán, na terra dos amorreos, que está en Galaad. 9E pasaron os fillos de Amón o Xordán, para loitaren tamén contra Xudá, contra Benxamín e contra a casa de Efraím, e angustiaron abondo a Israel.
10E clamaron os fillos de Israel ó Señor, dicindo: —"Pecamos contra ti, porque abandonamos o noso Deus e servimos os baales".
11E dixo o Señor ós fillos de Israel: —"Cando os de Exipto, e os amorreos, os fillos de Amón e os filisteos, 12os sidonios, os amalecitas e os madianitas vos oprimiron e clamastes por min, logo non vos salvei eu das súas mans? 13Pero vós abandonástesme e servistes outros deuses. Así que non volverei a salvarvos mais. 14Ide e clamade polos deuses que escollestes: que vos salven eles no tempo de vosa anguria".
15E dixeron os fillos de Israel ó Señor: —"Pecamos. Podes facer connosco o que mellor che pareza. Soamente che pregamos, por favor, que nos salves neste día".
16E retiraron os deuses alleos do medio deles, e serviron ó Señor, que non puido aturar máis os sufrimentos de Israel.
17E concentráronse os fillos de Amón e acamparon en Guilgal; e xuntáronse tamén os fillos de Israel e acamparon en Mispah. 18E o pobo e os príncipes de Galaad dixeron cada un ó seu compañeiro: —"Quen será o home que comece a loitar contra os fillos de Amón? El será o xefe de todos os veciños de Galaad".

Currently Selected:

Xuíces 10: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xuíces 10