YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 21

21
Castigo de Iabex e recuperación de Benxamín
1Os homes de Israel fixeran en Mispah este xuramento: —"Ninguén de nós dará a súa filla como esposa a un de Benxamín".
2Chegou o pobo a Betel e estivo alí ata o serán diante de Deus. E deron laídos e prorromperon en gran choro; 3e dixeron: —"Por que, Iavé, Deus de Israel, aconteceu isto contra Israel, que lle falte hoxe a Israel unha tribo?"
4O día seguinte madrugou o pobo e construíron alí un altar e ofreceron holocaustos e vítimas pacíficas. 5E dixeron os fillos de Israel: —"Quen hai de entre todas as tribos, que non subira para a asemblea onda Iavé?" (Pois fixérase un xuramento solemne verbo de quen non subise onda Iavé a Mispah: que de certo había de morrer).
6E, doídos os fillos de Israel polos de Benxamín, seus irmáns, dixeron: —"Hoxe foi arrincada de Israel unha tribo. 7Que faremos con eles —cos restantes— para procurarlles casamento? (pois nós xuramos polo Señor non lles dar as nosas fillas por esposas)". 8E dixeron: —"Quen hai de entre as tribos de Israel que non subise onda Iavé, a Mispah?" Velaquí que non houbo un de Iabex—Galaad que entrase no campamento para a asemblea. 9(Pois fora contado o pobo e acontecía que non había alí ningún dos veciños de Iabex—Galaad).
10E mandou alá a asemblea doce mil homes guerreiros, ós que lles deron esta encomenda: —"Ide e pasade polo gume da espada ós veciños de Iabex—Galaad, incluídas as mulleres e mais os nenos. 11E isto é o que habedes de facer: poredes en entredito a todo home e mais a toda muller que entendera de deitarse con homes". 12E atoparon entre os veciños de Iabex—Galaad catrocentas rapazas virxes, que non tiveran experiencia de se deitaren con homes. E leváronas ó campamento, a Xiloh (que está na terra de Canaán).
13E toda a asemblea enviou mandadeiros ós fillos de Benxamín que estaban na Rocha de Rimón e anunciáronlles a paz. 14Daquela volveron os benxaminitas e déronlles para eles as mulleres que sobreviviran de entre as mulleres de Iabex—Galaad; pero non eran abondas para eles.
15E o pobo compadeceuse dos de Benxamín, pois Iavé fixera unha fenda nas tribos de Israel. 16E dixeron os anciáns da asemblea: —"Que faremos para que os restantes teñan mulleres (pois as mulleres de Benxamín foron exterminadas)?" 17E dixeron: —"Háselle dar herdanza ó resto de Benxamín, para que non desapareza unha tribo das de Israel; 18pero nós non podemos darlles as nosas fillas como esposas (pois os fillos de Israel fixeran este xuramento: Sexa maldito quen lle dea unha muller ós de Benxamín)". 19E dixeron: —"Velaquí que hai todos os anos unha festa de Iavé en Xiloh, ó norte de Betel, ó oriente do camiño que sobe de Betel a Xequem, ó sur de Lebonah". 20E deron orde ós fillos de Benxamín, dicindo: —"Ide e facede unha emboscada nas viñas. 21Estade á espreita e, cando saian as mozas de Xiloh para danzar no corro, saídes vós de entre as viñas e pillades cada un unha muller de entre as mozas de Xiloh e ídesvos para a terra de Benxamín. 22E cando veñan seus pais ou seus irmáns a preitear contra vós, dirémoslles: Sede bos con eles, pois non puideron coller muller para cada home cando a guerra, pois non llelas destes a eles naquel entón, para non incorrerdes en culpa".
23Fixeron así os fillos de Benxamín e tomaron esposas, de acordo co número deles, das bailadoras que pillaran. Entón marcharon e volveron así á súa herdanza; e refixeron as vilas e habitaron nelas.
24Daquela foron tamén os fillos de Israel a cadansúa tribo e familia e saíron de alí cada un para a súa herdanza.
25Naquel entón non había rei en Israel e cadaquén facía o que lle viña en gana.

Currently Selected:

Xuíces 21: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in