YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 20

20
A guerra contra Benxamín
1E saíron todos os fillos de Israel, congregouse a asemblea coma un só home —desde Dan ata Beerxeba e o país de Galaad—, onda Iavé, en Mispah. 2E presentáronse os xefes de todo o pobo e todas as tribos de Israel na asemblea do pobo de Deus: catrocentos mil homes de a pé, cinguidos de espada.
3(E oíron os fillos de Benxamín que subiran os fillos de Israel a Mispah). E dixeron os fillos de Israel: "Contade como se fixo tal infamia". 4E interveu o home levita o marido da muller asasinada, e dixo: "Entrei eu e mais a miña concubina a Guibah de Benxamín, para pasar a noite; 5Alporizáron—se contra min os homes de Guibah e rodearon de noite a casa por causa miña, intentando matarme; á miña concubina violárona e morreu. 6E collín a miña concubina, tronceina en anacos e envieina por todo o territorio da herdanza de Israel (pois fixeran unha infamia e unha atrocidade en Israel). 7Xa que todos vosoutros sodes fillos de Israel, ofrecede aquí un consello e unha resolución".
8E ergueuse todo o pobo de Israel coma un só home, dicindo: —"Que non marche ninguén á súa tenda, nin lisque ninguén para o seu lar. 9E agora esta é a resolución que tomaremos sobre Guibah: iremos contra ela, botando sortes; 10e sacaremos dez homes por cada cen de todas as tribos de Israel, e cen por cada mil, e mil por cada dez mil, para collermos fornecemento para o pobo, e facer a incursión contra Guibah de Benxamín, por mor da ruindade que fixo contra Israel". 11E congregáronse todos os de Israel contra a vila, xunguidos coma un só home. 12E as tribos de Israel enviaron homes por toda a tribo de Benxamín, dicindo: —"A que vén ese mal que argallastes entre vós? 13Pois agora entregádenos os homes fillos de Belial que hai en Guibah, para que os fagamos morrer e borremos o oprobio de Israel". Pero os benxaminitas non quixeron escoitar a voz de seus irmáns, os fillos de Israel.
14E xuntáronse os fillos de Benxamín procedentes das vilas, en Guibah, para saíren á loita contra os fillos de Israel. 15E dos fillos de Benxamín procedentes das vilas chegáronse a contar no día aquel vinte e seis mil homes, cinguidos de espada, descontando os veciños de Guibah, que viñan sendo setecentos homes escolleitos. 16Entre esa morea de xente había setecentos homes escolleitos, zurdos, todos eles capaces de lanzar unha pedra a un pelo sen fallaren. 17E dos homes de Israel —descontado Benxamín— chegáronse a contar catrocentos mil homes cinguidos de espada, todos eles guerreiros.
18Erguéronse e subiron a Betel, consultaron a Deus e dixeron os fillos de Israel: —"Quen de nós subirá o primeiro para a loita contra os fillos de Benxamín?" E respondeu Iavé: —"O primeiro será Xudá".
19E erguéronse os fillos de Israel pola mañá e acamparon por riba de Guibah. 20Saíu cada un de Israel para a loita contra Benxamín e dispuxéronse en orde de batalla contra Guibah.
21Saíron os fillos de Benxamín de Guibah e botaron por terra no día aquel a vinte e dous mil homes de Israel.
22Logo que se refixo o pobo de guerra de Israel, xuntáronse para se bateren na loita no lugar onde batallaran o primeiro día. 23E subiron os fillos de Israel, choraron diante de Iavé ata o serán e consultaron o Señor, dicindo: —"Convén presentar de novo a loita ós fillos de Benxamín, o noso irmán?" E dixo Iavé: —"Subide contra el".
24E achegáronse os fillos de Israel ós fillos de Benxamín no segundo día. 25Saíu Benxamín ó encontro deles desde Guibah, no segundo día, e botaron por terra outra vez a dezaoito mil homes dos fillos de Israel, todos eles cinguidos de espada.
26E rubiron todos os fillos de Israel —o pobo enteiro—, chegaron a Betel, choraron diante do Señor, e xaxuaron aquel día ata o serán; ofreceron holocaustos e sacrificios pacíficos diante de Iavé. 27E consultaron os fillos de Israel a Iavé (e estaba alí, naquel entón, a Arca da Alianza de Deus, 28e Pinhás —o fillo de Elazar, fillo de Aharón—, exercía diante dela naquel tempo): —"Logo deberemos saír de novo para a loita contra os fillos de Benxamín, noso irmán, ou renunciar?" E dixo Iavé: —"Subide, que mañá vounos poñer nas vosas mans".
29E Israel puxo emboscadas ó redor de Guibah. 30Subiron os fillos de Israel contra os fillos de Benxamín o terceiro día e presentaron batalla a Guibah como das outras veces. 31E saíron os fillos de Benxamín ó encontro do pobo, arredando da vila, e comezaron a mallar no pobo, botándoos por terra como as outras veces polas corredoiras que soben unha delas a Betel e a outra a Guibah, polo campo (chegando a matar arredor de trinta e dous de Israel). 32E dixeron os fillos de Benxamín: —"Xa os temos derrotados, como da primeira vez". Pero os fillos de Israel dixeran: —"Que veñan e os arredaremos da vila cara ás corredoiras". 33Erguéronse entón dos seus postos todos os homes de Israel, e presentaron batalla en Baal—Tamar. E os da emboscada de Israel chimpáronse fóra do seu lugar ó oeste de Gueba. 34E chegaron enfronte de Guibah dez mil homes escollidos de todo Israel e fortaleceuse a loita; eles non se decataban do mal que lles estaba vindo enriba. 35E Iavé derrotou a Benxamín ante Israel e os fillos de Israel botaron por terra no día aquel a vinte e cinco mil cen homes de Benxamín, todos eles cinguidos de espada. 36Viron os fillos de Benxamín que estaban vencidos e os homes de Israel cederon terreo, pois confiaban na emboscada que puxeran contra Guibah. 37E os da emboscada déronse présa para arremeteren contra Guibah; foron adiante e pasaron a toda a vila polo gume da espada.
38(Os homes de Israel quedaran nun sinal cos da emboscada: que estes farían subir da vila unha columna de fume). 39Arredáronse da loita os homes de Israel e os de Benxamín comezaron a mallar neles, botando por terra a uns trinta homes, pois dixeran: "De certo xa os temos vencidos, como na primeira batalla". 40Pero velaquí o sinal: unha columna de fume comezou a subir da vila. E ollaron os de Benxamín para atrás, e velaquí que rubía ata o ceo a fogueira da vila. 41Entón os homes de Israel deron volta e quedaron estarrecidos os homes de Benxamín, pois viron o mal que lles viña enriba. 42E volveron as costas ante os homes de Israel polo camiño do deserto; pero atrapounos a loita e ós que saían das vilas desfacíanos polo medio e medio. 43Envolveron ós de Benxamín, perseguíronos decote, e abouxáronos sen respiro ata chegar enfronte de Guibah polo oriente. 44E caeron dos de Benxamín dezaoito mil homes, todos eles xente guerreira. 45E volveron as costas os que quedaban e dirixíronse cara ó deserto, onde a Rocha de Rimón, e foron atrapados nas corredoiras cinco mil homes. Perseguíronos os israelitas ata Guidom e mataron a dous mil deles. 46E foron todos os mortos de Benxamín no día aquel vinte e cinco mil homes, cinguidos de espada, todos eles xente guerreira. 47Con todo, seiscentos homes dos que volveran as costas dirixíronse cara ó deserto, onda a Rocha de Rimón, e ficaron na Rocha de Rimón catro meses.
48Os homes de Israel volvéronse contra os fillos de Benxamín e pasaron polo gume da espada a totalidade da vila, comprendido o gando e todo o que atopaban. Ademais prendíanlles lume a todas as vilas que encontraban.

Currently Selected:

Xuíces 20: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in