YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 18

18
Os danitas vanse para o Norte
1Naquel entón non había rei en Israel e a tribo de Dan buscaba un territorio onde residir, pois non lle correspondera aínda unha herdanza entre as tribos de Israel. 2E enviaron os fillos de Dan desde aló —desde Sorah e Extaol— cinco homes da súa xente —homes forzudos— para explorar o país; e chegaron á serra de Efraím, á casa de Micah, e pasaron alí a noite. 3Estando eles na casa de Micah, distinguiron a voz do mozo levita, e, achegándose alí, dixéronlle: —"Quen te trouxo a ti aquí? Que estás facendo? A que te dedicas?" 4Respondeulles el: —"Micah fíxome isto e isto e contratoume e tenme de sacerdote". 5Entón dixéronlle eles: —"Pide un oráculo a Deus e así saberemos se a viaxe que estamos facendo sairá ben". 6Díxolles o sacerdote: —"Ide en paz, pois a mirada de Deus está posta no camiño que percorredes".
7E foron os cinco homes e chegaron a Laix. Viron que a xente de alí vivía confiada, ó xeito dos sidonios —tranquila e despreocupada—, sen unha institución que domeara; e que estaban lonxe dos sidonios e non tiñan trato con ninguén.
8E chegaron onda seus irmáns —a Sorah e Extaol—, e dixéronlles estes: —"Que tal vos foi?" 9E respondéronlles: —"Adiante!: vaiamos contra eles, pois vimos o país, e velaquí que é bo de abondo. E vosoutros seguides quedos? Non sexades lacazáns para irdes tomar posesión daquel país. 10Cando vaiades, encontraredes unha xente confiada e un país folgado, que puxo o Señor nas vosas mans; un lugar no que non hai falta de nada do que hai na terra".
11E saíron de alí, da liñaxe dos danitas de Sorah e Extaol, seiscentos homes cinguidos cos aparellos da guerra; 12e subiron e acamparon en Quiriat—Iearim, en Xudá. Por iso nomearon aquel lugar Campamento de Dan ata o día de hoxe. Queda detrás de Quiriat—Iearim. 13E desde alí pasaron á serra de Efraím e chegaron onda a casa de Micah. 14E faláronlles a seus irmáns os cinco homes que foran explorar o país de Laix e dixéronlles: —"Sabedes que nestas casas hai un efod, uns terafim, un ídolo e unha imaxe fundida? Daquela ídevos informar do que tedes que facer". 15E, deixando aquel sitio, chegaron á casa do mozo levita —a casa de Micah—, e preguntáronlle que tal lle ía. 16A todo isto, os seiscentos homes dos fillos de Dan cinguidos cos aparellos de guerra estaban firmes xunto á porta. 17E pasaron os cinco homes que foran recoñecer o país e entraron e colleron o ídolo, o efod, os terafim e a imaxe fundida, e mais o sacerdote, que estaba no limiar da porta cos seiscentos homes cinguidos cos aparellos da guerra. 18E, entrando eles na casa de Micah, colleron o ídolo, o efod, os terafim e a imaxe fundida; díxolles o sacerdote: —"Que estades a facer?" 19E respondéronlle: —"Cala a boca e ven connosco, teremos en ti un pai e un sacerdote. Logo paréceche mellor ser sacerdote na casa dun só home que ser sacerdote dunha tribo e dunha familia en Israel?" 20Aledouse o corazón do sacerdote e colleu o efod, os terafim e mais o ídolo, e meteuse no medio da xente. 21E deron media volta e emprenderon camiño, colocando diante deles os nenos, o gando, e as cousas de valor.
22Cando xa eles estaban lonxe da casa de Micah, os homes das casas veciñas da de Micah, xuntáronse e puxéronse a perseguir ós fillos de Dan. 23E chamaron polos fillos de Dan e estes viraron a cara e dixeron a Micah: —"Que tes ti que vés con xente tan apegada?" 24El respondeu: —"Collestes os deuses que eu fixera e mais o sacerdote e largástesvos. E que vai ser de min en adiante? E aínda me preguntades que tes! Que é iso que me dixestes que tes?" 25E dixéronlles os fillos de Dan: —"Coidado con rechiar, non sexa que se alporicen contra vós homes de espírito revirado e perdas a túa vida e mais a da túa familia".
26E seguiron o seu camiño os fillos de Dan; e, vendo Micah que eles eran máis fortes ca el, deu media volta e foi para casa.
A vila e o santuario de Dan
27Eles, levando o que fixera Micah e o sacerdote que tiña, chegaron a Laix —onda aquela xente tranquila e confiada—, e pasáronos polo gume da espada; e á vila prendéronlle lume. 28E non houbo quen a salvase, porque estaba lonxe de Sidón e non tiñan trato con ninguén. Estaba situada no val de Bet—Rehob. Despois reedificaron a vila e habitaron nela. 29E puxéronlle á vila o nome de Dan, por mor de Dan, seu pai, que naceu de Israel; con todo, o primeiro nome da vila fora Laix. 30E os fillos de Dan erixiron o ídolo que tiñan; e Ionatán —fillo de Guerxom, o fillo de Menaxés— e mais seus fillos, foron sacerdotes da tribo de Dan ata o día do exilio do país. 31E tiveron para eles o ídolo que fixera Micah durante todo o tempo que estivo a casa de Deus en Xiloh.

Currently Selected:

Xuíces 18: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xuíces 18