Xuíces 15
15
1Pasado algún tempo, polos días da ceifa do trigo, foi Sansón visitar a súa muller, levando consigo un cabrito, e dixo: —"Voume acaroar á miña muller no seu cuarto". Pero o pai dela non lle consentiu entrar 2e dixo: —"Cheguei ó convencemento de que lle colleras odio e deilla ó teu amigo. Oes!, e logo súa irmá a máis nova non está mellor ca ela? Cóllea para ti no sitio da outra!" 3E dixo Sansón: —"Desta vez quedarei por inocente verbo dos filisteos, aínda que lles faga mal".
4E foi Sansón e pillou trescentas raposas, e, collendo uns fachos, amarrou os rabos daquelas e puxo un facho no medio de cada dous rabos. 5E prendeu lume nos fachos e guindou as raposas contra os cereais dos filisteos, de xeito que queimou desde os palleiros ata as colleitas, e mesmo as vides e as oliveiras.
6E preguntaron os filisteos: —"Quen fixo isto?" E responderon: —"Sansón, o xenro do timnita, porque este colleu a muller del e deulla a un amigo". Entón subiron os filisteos e prendéronlle lume a ela e mais a seu pai. 7E díxolles Sansón: —"Xa que fixestes dese xeito non hei parar ata que me vingue de vós". 8E mallou neles, por riba e por baixo, e fixo un grande estrago. Despois baixou e foise meter nunha fenda da Rocha de Etam.
9E subiron os filisteos e acamparon en Xudá e avanzaron ata Lehí. 10E dixeron os homes de Xudá: —"Por que subistes contra nós?" E responderon eles: —"Subimos para prender a Sansón e facer con el o mesmo que el fixo connosco".
11E baixaron tres mil homes de Xudá á fenda da Rocha de Etam, e dixeron a Sansón: —"E logo ti non sabes que os filisteos domean sobre nós? Como entón nos fixeches isto?" E respondeu el: —"Segundo me fixeron eles, así lles fixen eu. 12Daquela dixéronlle: —"Baixamos para prenderte e entregarte nas mans dos filisteos". E díxolles Sansón: —"Xurádeme que non me mataredes vós mesmos". 13E responderon eles: —"Non, senón que te amarraremos e te entregaremos nas mans deles; pero matar, non te mataremos". E amarrárono con dúas cordas novas e subírono da Rocha. 14Cando chegou a Lehí, os filisteos foron engadados ó seu encontro; pero entrou nel o espírito de Iavé e, daquela, as cordas que levaba sobre os seus brazos foron para el coma fíos de liño cando lles prenden lume, e as correas das mans ceibáronse. 15E atopou unha queixada de burro fresca, e, alongando a man, colleuna e escangallou con ela a mil homes. 16E dixo Sansón:
—"Coa queixada dun burro,
un burro, dous burros,
coa queixada dun burro,
arreeilles a mil homes".
17E, cando rematou de falar, soltou a queixada da súa man, e chamou a aquel lugar Ramat—Lehí.
18E tivo sede de abondo, e clamou polo Señor, dicindo: —"Ti puxeches nas mans do teu servo esta gran vitoria. E agora vou morrer de sede, e caer nas mans dos incircuncisos?" 19Entón Deus fendeu unha pía que había en Lehí e deitou auga dela. E bebeu, recuperou o seu ánimo, e xa alentou. Daquela púxolle de nome á fonte En—Hacoré (e existe en Lehí ata o día de hoxe).
20E Sansón xulgou a Israel en tempos dos filisteos durante vinte anos.
Currently Selected:
Xuíces 15: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT