YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 14

14
Casamento de Sansón
1E baixou Sansón a Tímnah e viu en Tímnah unha muller das fillas dos filisteos; 2e subiu e contóullelo a seu pai e a súa nai deste xeito: —"Vin en Tímnah unha muller das fillas dos filisteos; pedídema para min e que sexa miña muller". 3E dixéronlle seu pai e mais a sua nai: —"E logo non terás entre as fillas de teus irmáns e entre todo o teu pobo unha muller para que vaias escoller esposa entre os incircuncisos filisteos?" E respondeu Sansón a seu pai: —"Pedídeme esa para min, pois é ela a que me gusta". 4(Seu pai e mais súa nai ignoraban que iso viña de Deus, que buscaba un motivo contra os filisteos, pois naquel tempo os filisteos dominaban en Israel).
5E baixou Sansón con seu pai e súa nai a Tímnah e chegaron ata as viñas de Tímnah e velaquí que unha cría de león saíu ruxindo ó seu encontro. 6Daquela entrou nel o espírito de Iavé, e esgazouno coma se esgaza un cabrito, e iso sen ter cousa na man; e non lle contou a seu pai nin a súa nai o que fixera.
7E baixou e faloulle á muller; e ela gustoulle a Sansón. 8E volveu despois dalgún tempo, para casar con ela, e apartou para ver o cadáver do león, e velaquí que había no corpo do león un enxame de abellas, e mais mel. 9E raspiñou daquilo para a palma da man e foi andando mentres comía, e, en chegando onda seu pai e súa nai, deulles a eles, e comeron; pero ocultoulles que raspiñara o mel do corpo do león.
A adiviña de Sansón
10E baixou seu pai onda a muller e fixo alí Sansón unha festa, como adoitan os mozos. 11E aconteceu que, cando o viron, colleron trinta compañeiros que estivesen con el. 12E díxolles Sansón: —"Deixádeme propoñervos unha adiviña. Se ma desvelades nos sete días da festa e acertades, dareivos trinta pezas de liño e trinta mudas de vestidos. 13Claro que, se non sodes homes a desvelarma, darédesme vós a min trinta pezas de liño e trinta mudas de vestidos". E dixéronlle: —"Propón a túa adiviña, que a escoitamos". 14E díxolles:
—"Do que come
saíu o que se come;
e do forte
saíu a dozura"
E non puideron desvelar a adiviñanza nos tres primeiros días.
15Mais no sétimo día, dixéronlle á muller de Sansón: —"Persuade a teu home de que nos desvele a adiviña; se non prenderémosche lume a ti e á casa de teu pai. Ou é que nos chamaches para nos espoliares? E logo non?"
16E a muller de Sansón botou a chorar diante del e dixo: —"Ti soamente me tes odio, non me queres: puxécheslles unha adiviña ós fillos do meu pobo, e a min non ma desvelaches". E respondeulle el:
—"Velaquí que nin a meu pai nin a miña nai llela desvelei, e heicha de desvelar a ti?" 17E ela chorou diante del os sete días que durou a festa. E aconteceu que no día sétimo lla desvelou, porque se poñía pesada, e entón ela desvelóullela ós fillos do seu pobo.
18E dixéronlle os homes da vila no sétimo día antes da posta do sol:
—"Que mais doce có mel?
E que máis forte có león?"
E respondeulles:
—"Se non fósedes arar
coa miña xovenca,
tampouco dariades descuberto
a miña adiviña".
19E entrou nel o espírito de Iavé e baixou a Axquelón, e matou a trinta deles, e colleulles los seus vestidos para os que desvelaran a adiviña. E alporizouse e subiu á casa de seu pai.
20E a muller de Sansón foi para un seu compañeiro, o que fixera de amigo do noivo.
Sansón foxe dos seus inimigos e víngase

Currently Selected:

Xuíces 14: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in