YouVersion Logo
Search Icon

Santiago 4

4
As cobizas fan as divisións
1De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior? 2Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides 3e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.
4Desleigados! Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. 5Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que "o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes"? 6Pero meirande é a graza que nel concede. E por isto di: "Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálles a súa graza".
7Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós. 8Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os corazóns, homes falsos. 9Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría, en tristura. 10Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha soerguer. 11Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xulgas a Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz. 12Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero quen es ti para xulgares o próximo?
Pobres dos comerciantes e dos ricos!
13Reparade agora no que dicides: "hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio". 14Pero se non sabedes o que vai ser de vós mañá! Porque que é a vosa vida? Unha fumarediña que aparece e desaparece no mesmo intre. 15En vez diso debiades dicir: "se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto ou aquilo". 16Pero vexo que vós sodes uns farfalláns e semellante fachenda é mala. 17O que coñece o ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.

Currently Selected:

Santiago 4: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in