YouVersion Logo
Search Icon

Santiago 1

1
Saúdo
1Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda as doce tribos que están na emigración.
As tentacións
2Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos, 3porque xa sabedes que aquilo que somete a proba a vosa fe xera paciencia. 4Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.
5Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar; 6e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. 7Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: 8é un indeciso e un inconstante en todos os seus camiños.
9Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran dignidade; 10e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba: 11soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño murchará o rico nas súas empresas.
12Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman. 13Que ninguén diga ó se ver tentado: "Deus é quen me tenta", porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. 14A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: 15despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte. 16Non vos trabuquedes, irmáns queridiños. 17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. 18Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Escoitar a palabra e cumprila
19Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o anoxo, 20porque o anoxo do home non leva á conduta que Deus pide.
21Polo tanto, rexeitando calquera lixo ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas. 22Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. 23Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a ollar a súa propia cara nun espello; 24mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esqueceulle como era. 25En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.
26Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. 27A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.

Currently Selected:

Santiago 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in