Isaías 47
47
Lamentación pola caída de Babilonia
1Baixa e senta no po, virxe, filla de Babilonia!
Senta na terra, que non hai trono, filla dos caldeos!
Que non volverás a ser chamada: "A doce, a delicada".
2Colle as pedras do muíño e moe o gran,
envólveo no teu veo, remanga a túa saia,
descubre as nádegas, cruza os ríos.
3Descubre a túa nudez, mostra as túas vergonzas.
Vou tomar vinganza, e non se me apoñerá ninguén.
4O noso Redentor chámase o Señor Todopoderoso: é o Santo de Israel.
5Reina no inferno, entra na escuridade, filla dos caldeos,
xa que non se che volverá a chamar: "raíña de raíñas".
6Anoxeime co meu pobo, profanei a miña herdanza,
por iso entregueichos na túa man, non tiveches compaixón deles,
sobre o ancián cargaches moi pesado o teu xugo,
7e dixeches: "Para sempre serei a raíña perpetua".
Non tomaches isto en consideración, nin te lembraches do que había vir.
8Pois agora escoita isto, ti, amante do pracer, a que reinabas na seguridade,
a que pensabas no teu corazón: "Son eu, e non hai outra,
non reinarei viúva, non saberei o que é quedar sen fillos".
9Estas dúas cousas aconteceranche de repente nun só día:
quedares sen fillos e viúva; ambas cousas viñeron sobre ti,
pola multitude dos teus feitizos, polo poder dos teus moitos feitizos.
10Estabas segura coa túa ruindade, pensabas: "Non hai quen me vexa".
A túa sabedoría e a túa ciencia foron a túa perdición,
pois pensabas no teu corazón: "Son eu, e non hai outra".
11Por isto virá sobre ti unha desgraza, que non saberás esconxurar,
caerá sobre ti unha maldade, que non serás capaz de expiar,
virá sobre ti de repente unha ruína, que ti non prevías.
12Monta garda cos teus feitizos, coa multitude dos teus feitizos,
nos que es mestra desde a túa mocidade;
tal vez sexas capaz de conseguir éxitos, quizais poidas meter medo.
13Estás xa cansa coa chea de consellos que recibes.
Que se presenten diante de ti e que te salven os que len no ceo,
os que ven presaxios nas estrelas,
os que anuncian cada lúa nova o que che vai acontecer.
14Velaí: son coma o coaño: queimaraos o lume:
non salvarán as súas vidas do poder da chama,
non serán brasa para cocer opan, nin lume para sentarse a carón.
15Velaí o que eles foron para ti,
xa que te exercitaches cos feiticeiros desde a túa mocidade.
Cada un andou extraviado polo seu camiño, non houbo quen te salvase.
Currently Selected:
Isaías 47: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT