Isaías 46
46
Polémica contra os ídolos: só Iavé é o Señor
1Caeu Bel, derrubouse Nebó: foron os ídolos deles.
As cousas que vós portabades en alto son levadas por bechos e animais,
son carga para un animal cansado.
2Derrubáronse e caeron a un tempo, non foron capaces de salvar a quen os levaba.
Si, eles mesmos van á catividade.
3Escoitádeme, casa de Xacob, e todo o que queda da casa de Israel,
vós que fostes levados desde o ventre, vós que fostes levantados desde o útero:
4eu son quen vos leva ata a ancianidade, quen vos levantará ata a vellez.
Eu fíxeno e eu seguireino a facer. Si, levareivos e salvareivos.
5A quen me igualaredes e compararedes? A quen me asemellaredes coma a un igual?
6Algúns sacan ouro da bulsa e pesan a prata na balanza,
e páganlle ó ourive para que ó seu xeito faga un deus,
próstranse ante el, e adórano.
7Levántano no ombreiro, e lévano;
póñeno no seu lugar, e está firme no seu santuario, e non abanea.
Algún clama cara a el, pero non responde, non o libra da súa angustia.
8Lembrádevos disto e animádevos, rebeldes; facede volver isto ó corazón.
9Lembrádevos das cousas primeiras desde antigo:
de que eu son Deus e non hai outro, de que son Deus e non hai coma min.
10Eu son quen manifesta desde o principio o que ha vir;
desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron.
Eu son o que digo: o meu plan manterase firme, realizarei canto decidín.
11Eu son quen chamo do nacente unha aguia, da terra afastada ó home do meu plan.
Si, díxeno, e farei que suceda; planeeino, e cumprireino.
12Facédeme caso vós, duros de corazón, que estades lonxe da xustiza:
13Eu aproximo a miña xustiza, que non está lonxe,
e a miña salvación, que non tardará.
Si, eu poño en Sión a salvación, en Xerusalén o meu esplendor.
Currently Selected:
Isaías 46: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT