YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 44

44
Autorrevelación de Deus a través da historia salvífica, e polémica antiidolátrica
1Agora, pois, escoita, Xacob, meu servo; Israel, a quen eu escollín.
2Así fala o Señor, que te creou, e que te formou, quen desde o seo te vén axudando:
"Non teñas medo, meu servo Xacob; Iexurún, a quen eu escollín,
3porque eu verterei auga sobre o sedento, e regueiros sobre a reseca.
Verterei o meu espírito sobre a túa descendencia, e a miña bendición sobre os teus xermolos,
4e brotarán coma entre xuncos, como os amieiros xunto ás correntes de auga.
Este dirá: Eu son do Señor; e aquel chamarase co nome de Xacob;
5este escribirá na súa man: Pertenzo ó Señor; e será titulado co nome de Israel".
6Así fala o Señor, Rei de Israel, o seu Redentor, o Señor dos Exércitos:
"Eu son o Primeiro, e tamén o Derradeiro; non hai outro Deus fóra de min.
7Quen é coma min? Que o diga, que o manifeste e que se compare comigo,
porque eu establecín un pobo eterno e cousas que han vir: comprenderano cando cheguen.
8Non teñades medo nin pavor. Acaso non volo fixen oír e volo manifestei desde entón?
Vós sodes as miñas testemuñas: hai acaso un Deus fóra de min?
Non, non hai Penedo: eu non o coñezo".
Sátira contra a fabricación de ídolos
9Os escultores de ídolos, todos eles, son nada: para nada serven as súas cousas preciosas.
Si, eles mesmos son testemuñas, pero non o queren ver nin recoñecer, porque se avergonzarían.
10Quen esculpiu un deus e fundiu un ídolo, sen esperar unha ganancia?
11Velaí: todos os seus devotos avergónzanse, ós seus artistas sáenlles as cores.
Xúntanse todos, fican quedos, atérranse, avergónzanse.
12O artista corta o ferro co cicel, quéntao co carbón;
co martelo dálle forma, trabállao coa forza do seu brazo.
Por veces ten fame e non ten forza; non bebe auga e está canso.
13Corta madeira, estende o cordel,
fai unha marca co lapis, trabállaa coa garlopa,
logo trázaa co compás, e faina á semellanza dun home,
conforme a fermosura dun humano, para que habite no templo.
14Si, corta para si uns cedros ou colle un toro de aciñeira ou de carballo,
déixao endurecer entre as árbores do bosque,
e planta no seu lugar un cedro que a chuvia fará medrar.
15A madeira sérvelle ó home para queimar,
colle parte dela e acende o lume; quenta o forno e coce o pan.
Tamén pode traballar un deus e prostarse ante el, pode facer un ídolo e adoralo.
16A metade da árbore quéimaa no lume, sobre a outra asa carne, come o asado e fártase.
Tamén se quenta e di: "Ah, quéntome, vexo o resplandor!"
17O que lle sobra é para un deus, fai o seu ídolo, adórao e próstrase ante el,
rézalle ó seu deus e dille: "Sálvame, que ti es o meu deus".
18Non saben nada nin entenden, están ofuscados;
os seus ollos non ven, e a súa mente non pensa.
19Non medita, non ten saber nin intelixencia ó dicir:
"Queimo a metade no lume, e sobre as súas brasas cozo o pan,
aso a carne e cómoa, e do resto del fago algo abominable:
adoro a póla da árbore".
20A quen mancha a cinsa, engánao o corazón e extravíao:
non porá a salvo a súa vida,
pois non pode recoñecer: "O que teño na miña dereita é unha mentira"
Chamada a converterse ó Deus Salvador
21Lémbrate de Deus, Xacob; Israel, ti es o meu servo: eu te formei, o meu servo es ti, Israel: non te esquezas de min.
22Fixen desaparecer as túas rebeldías coma unha nube, e como a néboa espesa os teus pecados.
Convértete a min, que eu son o teu Redentor.
23Xubilade, ceos, porque o Señor actuou; gritade alegres, profundidades da terra.
Montes, estalade de ledicia: o bosque e toda árbore que hai nel,
porque o Señor redime a Xacob, vai mostrar a súa gloria en Xerusalén.
O Deus creador e Señor da historia presenta a Ciro
24Así fala o Señor, o teu Redentor, o que te formou desde o seo.
Eu son o Señor que o fago todo:
estendo o ceo eu só e expando a terra. Quen está comigo?
25Frustro os sinais dos agoireiros e volvo loucos os adiviños,
fago volver para atrás os sabios e converto a súa ciencia en tolemia.
26El fai firme a palabra do seu servo, e completa o plan dos mensaxeiros.
Di: "Xerusalén, serás habitada; cidades de Xudá, seredes reedificadas,
que volverei levantar as súas ruínas".
27Di: "Océano, seca; vou secar os teus ríos".
28Di: "Ciro é o meu pastor, cumprirá todos os meus gustos,
anunciando:Xerusalén, serás reedificada; templo, serás cimentado".

Currently Selected:

Isaías 44: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in