YouVersion Logo
Search Icon

Isaías 17

17
Contra a liga sirio-efraimita
1Oráculo contra Damasco.
a) Reinos de Damasco e Efraím
Velaí Damasco: deixa de ser cidade, será unha ruína derrubada.
2As súas cidades van ser abandonadas,
unha vez arrasadas, van ser para os rabaños,
que se tombarán nelas,
sen que ninguén os espante.
3Acabaránselle a Efraím as fortalezas,
e a Damasco, o reino,
e o resto de Aram será semellante
á gloria dos fillos de Israel.
—É o Señor dos Exércitos quen fala—.
b) Reino de Israel
4Sucederá no día aquel que a gloria de Xacob será humillada,
o orgullo dos seus praceres quedará humillado.
5Sucederá como cando o segador vai apreixando o trigo que está de pé,
e logo o seu brazo sega as espigas.
Sucederá como cando un recolle as espigas na veiga dos Refaím,
6e soamente queda nela un resto,
o mesmo que cando se varea a oliveira,
e quedan dúas ou tres olivas na puntiña,
catro ou cinco nas pólas que dan froito.
—É o Señor, Deus de Israel quen fala—.
7No día aquel ollará o home para o seu Creador,
os seus ollos mirarán para o Santo de Israel;
8non ollarán para os altares, obra das súas mans,
nin mirarán para o que os seus dedos fixeron:
símbolos de Axerah e estelas dedicadas a Baal.
9No día aquel as súas cidades de refuxio
serán coma o abandono da bouza do bosque,
que queda abandonada polos fillos de Israel e vólvese unha desolación.
10Ti esquecícheste do Deus da túa salvación,
do Penedo do teu refuxio non te lembraches,
por iso plantaches plantas de delicias e enxertaches pugas estranxeiras.
11De día medra o teu plantío, e pola mañá agroma o teu enxerto,
pero no intre de recoller acolleita, desaparece. Que dor incurable!
12Ai! Ruído de pobos numerosos; será coma o ruído dos mares.
Retumbar de nacións, coma o retumbar de augas poderosas.
13Si, nacións que retumbarán como o retumbar de moitas augas.
O inimigo ameázao co ruído, e foxe para lonxe,
é perseguido como a muíña das montañas ante a presenza do vento,
o mesmo cá poeira ante a presenza do vendaval.
14O chegar a tardiña, velaí o terror; antes da mañanciña, xa non existe.
Este é o lote dos nosos saqueadores, a sorte dos que nos queren roubar.

Currently Selected:

Isaías 17: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in