Isaías 16
16
Os fuxitivos moabitas participarán no reino mesiánico en Xudá
1Mandade carneiros dos señores do país,
desde o Penedo do Deserto, ó monte da filla de Sión.
2Pois o mesmo cós paxaros espantados ou unha niñada escorrentada,
serán as fillas de Moab nos vaos do Arnón.
3Presenta ti un plan, toma unha decisión.
Converte a túa sombra en noite á luz do mediodía,
esconde ó fuxido, ó escapado non o descubras.
4Que vivan contigo coma estranxeiros os fuxitivos de Moab.
Serás ti a súa protección ante o devastador.
Cando se acabe a opresión, desapareza o asolamento,
e o asoballador desapareza completamente do país,
5establecerase un trono de amor e reinará con fidelidade na tenda de David
un que xulgue con xusto xuízo e que sexa perito na xustiza.
Desastre político e agrícola
6Oímos falar da soberbia de Moab, da súa soberbia que vén de antigo,
da súa fachenda, do seu orgullo e do seu furor,
das súas lerias que non son verdade.
7Por isto xeme Moab, todo Moab xeme,
polas doces uvas de Quir Harés quéixanse os aflixidos.
8Os campos de Hexbón están murchos e o mesmo as viñas de Sibmah:
nas súas cepas selectas mallaron os señores das nacións.
Chegaban ata Iazer, perdíanse no deserto,
as súas vides estendíanse, cruzaban o mar.
9Por isto vou chorar, ó mesmo tempo ca Iazer, polas viñas de Sibmah.
Vouvos regar coas miñas bágoas, Hexbón e Elaleh,
porque as cántigas desapareceron da túa seitura e da túa colleita.
10Desaparecen dos campos a alegría e o xúbilo
e nas viñas non se brinca de ledicia, non se danza co gozo.
As uvas nas tallas xa non as pisa o viñateiro,
vin desaparecer a canción da vendima.
11Por isto as miñas entrañas tremen por Moab, coma unha arpa,
e o meu interior treme por Quir Harés.
12Verase que se esforza Moab por subir ó outeiro,
intenta ir ó seu santuario rezar, pero non pode.
13Esta é a palabra que o Señor lle falou desde antigo a Moab, 14pero agora o Señor di así: "Dentro de tres anos, día a día coma anos de mercenario, a gloria de Moab xunto con toda a súa xente volverase desprezable, e o seu resto será pequeniño de todo e sen poder".
Currently Selected:
Isaías 16: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT