Ezequiel 35
35
Oráculos de xuízo de castigo para o monte Seir e oráculos salvíficos para os montes de Israel
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, dirixe a túa mirada cara ó monte Seir
e profetiza contra el:
3Así fala o meu Señor, Iavé:
Velaí estou contra ti, monte Seir,
e estendo contra ti a miña man;
voute converter en desolación e soidade.
4E as túas cidades convertereinas en ruínas,
e ti serás unha desolación.
Entón recoñecerás que eu son o Señor.
5Por manteres xenreira perpetua
e por atacares os fillos de Israel
coa forza da espada no tempo do seu desastre,
no tempo en que a súa iniquidade chegou á fin,
6pois ben, pola miña vida!
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—
deixo que ti fagas grande sangría,
pero o sangue perseguirate.
Certo que aborreces a sangradura?
Pois o sangue perseguirate.
7Converterei o monte Seir en desolación e soidade,
e retirarei del a quen alí vai
e a quen de alí vén.
8Encherei os seus montes cos acoitelados;
nos teus outeiros e petoutos
e en todas as túas veigas caerán os acoitelados pola espada.
9Convertereite en desolación perpetua
e as túas cidades non serán habitadas.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
10Por dicires: "O que resulte dos dous pobos,
e o que resulte dos dous países será para min,
recibirémolo en herdanza",
cando era o Señor quen estaba alí,
11por isto, pola miña vida!
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—
que obrarei conforme a túa ira
e conforme o noxo
que ti, levado do teu odio, exerciches contra eles,
e serei recoñecido por eles
polo xeito como te xulgarei.
12Entón ti recoñecerás que eu son o Señor.
Escoitei todos os desprezos que ti dicías
contra os montes de Israel:
"Son unha desolación: fóronnos dados a nós
para os devorarmos".
13Encoraxástesvos contra min pola vosa boca,
e inzaron máis da conta as vosas palabras contra min,
—e eu estábao oíndo—.
14Así fala o meu Señor, Iavé:
—Xa que todo o país está alegre,
eu voute converter nunha desolación.
15O mesmo que te alegraches
da herdanza da Casa de Israel
por volverse unha desolación,
o mesmo farei contigo:
serás unha desolación, monte Seir,
e todo o Edom, todo enteiro.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Currently Selected:
Ezequiel 35: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT