YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 33

33
PARÁBOLA DOS VIXÍAS
Responsabilidade do profeta e do pobo
1Veume a palabra do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, fálalles ós fillos do teu pobo e dilles:
Se eu traio contra unha cidade un exército,
a poboación da cidade colle a un dos seus
e pono ó seu servizo coma vixía;
3e el, ó ver que vén o exército contra a cidade,
toca o corno e avisa á poboación.
4Se alguén oe o toque do corno e non fai caso nin avisa,
cando chegue o exército e o colla
será responsable da propia vida.
5Oíu o toque do corno e non colleu o aviso,
é responsable do seu propio sangue.
Quen colle o aviso salva a propia vida.
6Pero se o vixía ve que vén o exército e non toca o corno,
e a poboación non está avisada,
se cando chega o exército mata a algún deles,
este morre pola culpa súa,
pero do sangue pediránselle contas ó vixía.
7Eh ti, fillo de Adam!: a ti constituínte vixía para a Casa de Israel,
vas escoitar da miña boca as palabras,
e valos avisar da miña parte.
8Cando eu lle diga ó malvado:
"Malvado, vas morrer",
se ti non lle falas para avisalo do seu destino,
el, o malvado, morrerá pola súa culpa;
pero a ti pediránseche contas do seu sangue.
9Pero se ti avisas o malvado do seu destino
para apartalo del, e el non cambia de conduta,
el morrerá pola súa culpa
pero ti salvarás a túa vida.
10—Oe ti, fillo de Adam, dille á Casa de Israel:
Así vindes dicindo:
"Velaí, as nosas rebeldías e os nosos pecados
están contra nós, e con eles estámonos consumindo:
como poderemos seguir vivindo?"
11Dilles, pola miña vida! —é o meu Señor, Iavé, quen fala—
que non me dá gusto que morra o malvado,
senón que o malvado se converta da súa conduta e viva.
Convertédevos, cambiade a vosa conduta depravada!
Por que queredes morrer, Casa de Israel?
12Oe ti, fillo de Adam, dilles ós fillos do teu pobo:
—A xustiza do xusto non o salvará o día da súa rebeldía,
e a maldade do malvado non o fará caer
o día en que el se arrepinta da súa maldade;
nin o xusto será capaz de vivir na súa xustiza o día do seu pecado.
13Se eu lle digo ó xusto: "Certo que vivirás"
e el, porque confía na súa xustiza, comete iniquidade,
todas as súas obras xustas non se terán en conta,
senón que, pola iniquidade que cometeu,
por ela morrerá.
14Cando eu lle digo ó malvado: "Certo que morrerás",
pero logo el convértese do seu pecado,
e practica o dereito e a xustiza,
15devolve a fianza inxusta, restitúe o roubado,
e compórtase conforme os preceptos de vida,
de xeito que non comete iniquidade,
ben certo que vivirá, non morrerá.
16Todos os pecados que cometeu non se lle terán en conta;
practicou o dereito e a xustiza, pois certo que vivirá.
17Entón responderán os fillos do teu pobo:
"Non é xusto o comportamento do Señor",
cando é o comportamento deles o que non é xusto.
18Cando o xusto se aparta da súa xustiza,
e comete iniquidades, entón morre por culpa delas.
19Cando o malvado se aparta das súas maldades
e pon en práctica obras conforme o dereito e a xustiza,
por mor destas obras é polo que el vive.
20Vós dicides: "Non é xusto o comportamento do Señor".
Pois eu xulgareivos a cada un, Casa de Israel,
conforme o seu comportamento.
A terra non pertence ós que quedaron en Xudá
21O ano doce da nosa deportación, o día cinco do mes once, veu onda min un escapado de Xerusalén dicirme:
"A cidade foi abatida".
22A man do Señor estivo sobre min a tarde aquela, antes de que chegase o escapado, e abriu a miña boca tan pronto como el chegou onda min pola mañá; abriuse a miña boca e non volvín estar mudo. 23Entón veume a palabra do Señor nestes termos:
24—Fillo de Adam, os habitantes desas ruínas sobre a superficie de Israel andan falando deste xeito:
"Se Abraham era un só
e tomou posesión desta terra,
canto máis a nós, que somos moitos,
nos deron esta terra en posesión!
25Por isto dilles: así fala o meu Señor, Iavé:
—Vós andades facendo banquetes sobre o sangue vertido,
levantando os vosos ollos cara ós vosos ídolos
e vertendo sangue,
e ides ter en posesión esa terra?
26Vós mantédesvos firmes, confiados nas vosas espadas.
Vós, mulleres, cometedes delitos abominables
e cada un de vós, homes, profana a muller do seu próximo,
e ides quedar en posesión desa terra?
27Dilles isto: así fala o meu Señor, Iavé:
—Pola miña vida que os que estean nas ruínas caerán a espada,
a quen estea no campo entregareino en pasto ás feras,
e os que estean nas fortalezas e refuxios morrerán de peste.
28Eu converterei esa terra nunha soidade deserta,
e acabaráselle o orgullo do seu poderío;
os montes de Israel volverán ser un deserto
sen que haxa quen pase por eles.
29E entón recoñecerán que eu son o Señor,
cando converta esa terra nunha soidade desértica
por mor de todas as abominacións que cometeron.
Mala acollida da palabra profética
30Oe ti, fillo de Adam, os fillos do teu pobo cánsanse falando de ti á beiriña das paredes, ás portas das casas, e din cada un ó seu veciño, deste xeito: "Imos escoitar cál é a palabra que nos vén da parte do Señor".
31Veñen onda ti coma ás xuntanzas do pobo.
Así os do meu pobo sentan na túa presenza;
escoitan as túas palabras,
pero cumprir, non as cumpren;
coas súas bocas están facendo promesas de amor,
pero os seus corazóns van tralas inxustas ganancias.
32Velaí, ti es coma un canto de promesas de amor,
coma unha voz temperada e que se acompaña ben cun instrumento de corda.
Escoitan as túas palabras,
pero entre eles non hai quen as cumpra.
33Cando se cumpran —e velaí que se están cumprindo—
recoñecerán que hai un profeta no medio deles.

Currently Selected:

Ezequiel 33: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in