YouVersion Logo
Search Icon

Ezequiel 32

32
Elexía polo Faraón, crocodilo do Nilo
1O ano doce, no mes doce, o primeiro do mes, veume a palabra
do Señor nestes termos:
2Fillo de Adam, entoa unha elexía sobre o Faraón, rei de Exipto, e dille:
Parecías o leonciño das nacións,
pero eras coma crocodilo nas canles do Nilo,
a rebolos atoldabas a auga cos pés e enlodabas as correntes.
3Así fala o meu Señor, Iavé:
—Estenderei sobre ti a miña rede:
cando se xunten as nacións populosas,
sacarante na miña rede varredoira;
4botareite contra a terra,
e contra a superficie do chan esnaquizareite,
farei pousar sobre ti a todas as aves de rapina do ceo,
e farei que se farten de ti todos os animais carnívoros da terra.
5Porei a túa carnaza sobre as montañas
e encherei os vales da túa carne podrecida.
6Dareille de beber á terra,
verténdote a ti co teu sangue sobre as montañas,
e os barrancos encheranse de ti.
7Cando ti te apagues, cubrirei o ceo
e porei de loito as súas estrelas,
o sol tapareino con nubes
e a lúa non alumará coa súa luz.
8A todos os astros luminosos que hai no ceo,
poreinos de loito por ti,
e porei as tebras sobre a túa terra,
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
9Perturbarei o corazón dos pobos ricos,
cando leve os teus despoxos a nacións,
a países que non coñecedes.
10Farei que se sintan desolados por ti os pobos ricos,
e ós seus reis poránselles os pelos de punta por ti,
cando eu faga voar a miña espada na súa presenza;
tremerán conturbados cada un pola súa vida,
o día da túa caída.
11Pois, así fala o meu Señor, Iavé:
—Chegará sobre ti a espada do rei de Babilonia,
12farei caer a túa tropa por espadas de valentes,
que en conxunto forman o máis tirano dos pobos:
eles arrasarán o orgullo de Exipto
e quedará devastada toda a súa tropa.
13Farei desaparecer todos os seus animais
da presenza do caudaloso río,
e nin pé de home o volverá a alodar,
nin casco de animal o atoldará.
14Entón lanzarei ó Abismo as súas augas,
e farei correr os seus afluentes de cor amarela,
—é o meu Señor, Iavé quen fala—.
15Cando se converta o país de Exipto nun deserto,
entón quedará despoxado de todo o que o enche;
cando eu fira a todos os seus habitantes,
entón recoñecerán que eu son o Señor.
16Esta será a elexía que cantarán,
cantarana as cidades das nacións,
cantarana por Exipto e por toda a súa tropa
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
Lamentación profética sobre a baixada do Faraón ó Abismo
17O ano doce, o quince do mesmo mes, veume a palabra do Señor nestes termos:
18—Fillo de Adam, entoa unha lamentación pola tropa de Exipto;
fai baixar a tropa cos seus afáns de poder,
e as cidades das nacións poderosas ata as profundidades da terra,
xunto cos que baixan ó abismo.
19Foi acaso Exipto máis agraciado cós máis?
Pois anda vagabundo e cae xunto cos incircuncisos,
20que caen canda os acoitelados pola espada.
Entréganse espadas que dispersan a Exipto e a toda a súa tropa.
21Un exército de valentes persegue a tropa de Exipto,
persegue ata o medio do Xeol os reforzos da tropa:
os incircuncisos baixarán a descansar no Abismo,
acoitelados con espada.
22Alá está Asur e todo o seu exército,
arredor da tropa de Exipto,
arredor das súas sepulturas,
todos eles acoitelados, caídos a espada.
23Pois a sepultura de Asur está posta no máis fondo do Abismo,
e o seu exército está arredor da súa sepultura;
todos eles caeron acoitelados con espada,
pois puxeron terror no mundo dos vivos.
24Alí está Elam e todas as súas tropas arredor da súa sepultura:
todos eles caeron acoitelados con espada,
e así baixaron incircuncisos ó profundo da terra,
pois puxeron terror no mundo dos vivos;
levaron a súa deshonra xunto cos que baixaban ó Abismo.
25Entre os acoitelados puxéronlle o leito a Elam,
con toda a súa tropa arredor do leito,
arredor da súa sepultura.
Todos eles foron incircuncisos, acoitelados con espada,
pois o seu terror estendeuse polo mundo dos vivos;
por isto levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo,
e foron colocados entre os acoitelados.
26Alí está Méxec, Tubal e todo o seu exército arredor do leito,
arredor da súa sepultura:
todos eles incircuncisos, acoitelados con espada,
pois estenderon o seu terror polo mundo dos vivos.
27Pero non están deitados xunto cos heroes
que caeron separados dos incircuncisos
e que baixaron ó Xeol coas súas armaduras de guerra,
que puxeron as súas espadas debaixo das súas cabezas
e os seus escudos sobre os seus esqueletos,
pois o terror dos heroes estendérase polo mundo dos vivos.
28Pero ti iraste descompoñendo entre incircuncisos
e descansarás cos acoitelados con espada.
29Para alá van Edom, os seus reis e todos os seus príncipes,
que coas súas poderosas mulleres foron sepultados
xunto cos acoitelados con espada;
eles mesmos descansan xunto cos incircuncisos
e cos que baixan ó Abismo.
30Para alá van os príncipes do Norte,
todos eles e todos os sidonios,
que, apartados das súas poderosas mulleres,
polo seu propio terror baixaron ó Abismo xunto cos acoitelados,
e, incircuncisos, descansaron xunto cos acoitelados a espada;
e levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo.
31O ver a estes, o Faraón consolarase de toda a súa tropa,
pois os mortos a espada son o Faraón e todo o seu exército
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.
32Pois eu deixei que provocase o terror no mundo dos vivos,
para que o Faraón e toda a súa tropa
se deitase entre incircuncisos,
cos acoitelados a espada,
—é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

Currently Selected:

Ezequiel 32: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in