Ezequiel 29
29
Tres oráculos de castigo contra Exipto
1O ano dez, o día doce do mes décimo, veume a palabra do Señor
nestes termos:
2Fillo de Adam, dirixe a túa ollada cara ó Faraón, rei de Exipto,
e profetiza contra el e contra todo o Exipto.
3Fala e dille:
Así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaí, eu estou contra ti, Faraón, rei de Exipto,
grande monstro, deitado entre as canles do Nilo,
que di: "De min sae o meu Nilo,
e eu prodúzoo para min".
4Poñerei dous ganchos nas túas queixadas,
e apegarei os peixes do Nilo ás túas escamas;
farei que subas do medio do Nilo,
e leves pegados todos os peixes do Nilo nas túas escamas.
5Arrastrareite ó deserto
a ti e a todos os peixes do Nilo;
morrerás sobre a superficie do campo,
sen que te recollan nin te enterren.
Poñereite de pasto para os bechos de debaixo da terra
e para os paxaros do ceo;
6entón todos os habitantes de Exipto
recoñecerán que eu son o Señor.
Por seren eles un bastón de canivela,
para a Casa de Israel,
7cando ti os apertes coa túa man, sentiraste débil
pero romperás ante eles todo apoio;
cando eles se apoien en ti, romperaste,
pero farás que todas as túas forzas
se restablezan para o ben deles.
8Por isto así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaí, vou traer a espada contra ti
e exterminar de ti homes e animais,
9e o país de Exipto volverase desolación e ruína.
Entón recoñeceredes que eu son o Señor.
Por dicires: "O Nilo sae de min,
eu son quen o fixen",
10por isto, velaí, eu estou contra ti
e contra o teu Nilo;
eu vou converter o país de Exipto en ruínas,
nunha ruína desértica desde a Torre das Caravanas
ata a fronteira de Etiopía.
11Non o atravesará pé de home
nin casco de animal o cruzará;
nin será habitado durante corenta anos.
12Converterei o país de Exipto nunha desolación
maior cós países que están desolados:
as súas cidades que foron arruinadas,
durante corenta anos.
Esparexerei a Exipto entre os pobos
e espallareino entre os países.
Oráculo salvífico para Exipto, subordinado a saúde espiritual de Israel
13Velaí o que di o meu Señor, Iavé:
—O cabo de corenta anos reunirei a Exipto
de entre os pobos a onde foi esparexido;
14deste xeito cambiarei a sorte da catividade de Exipto
e fareinos volver ó país do Sur,
a súa terra de orixe,
e formarán alí un reino humilde,
15que será máis humilde cós outros reinos;
e non se volverá levantar contra os outros pobos,
fareino miúdo para que non oprima ós demais pobos.
16Exipto nunca máis será para a Casa de Israel a seguridade,
que fai lembrar a iniquidade de cando Israel
se volvía tras el,
senón que a Casa de Israel recoñecerá
que eu son o Señor, Iavé.
Deus entrégalle Exipto a Nabucodonosor, en paga dos seus servizos
17O ano vinte e sete, o un do primeiro mes, veume a palabra do Señor nestes termos:
18Fillo de Adam: Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixo traballar ó seu exército en dura campaña contra Tiro;
todas as cabezas quedaron peladas,
e todos os ombreiros quedaron sen pel;
pero nin el nin o seu exército sacarán proveito de Tiro,
a pesar da campaña que contra el fixeron.
19Por isto, así fala o meu Señor, Iavé:
—Velaí, voulle entregar o país de Exipto a Nabucodonosor, rei de Babilonia,
que collerá os tesouros de Exipto, roubará as súas ganancias
e arrebatará o seu botín,
e así terá salario para o seu exército.
20En paga da esforzada campaña que fixeron contra Tiro,
eu entregareilles o país de Exipto, pois fixérono por min,
—é o meu Señor, Iavé, quen o di—.
21O día aquel medrará a puxanza da Casa de Israel,
e a ti concedereiche o poder abrir a boca no medio deles.
Entón recoñecerán que eu son o Señor.
Currently Selected:
Ezequiel 29: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT